Barral valora as obras do Vales Villamarín aínda que considera insuficiente a superficie destinada a comedor e reclama á Xunta un reforzo do profesorado.

360
A alcaldesa, María Barral, xunto ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez no CEIP Vales Villamarín.

“É necesario que a Xunta reaccione e non abandone as necesidades do colexio Vales Villamarín”. A alcaldesa, María Barral, aproveitou a visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para reclamar que “atenda as necesidades do colexio, solicitadas pola AMPA e apoiadas polo Concello e que dote o centro do profesorado de apoio necesario: 1 profesor/a de Educación Primaria; 2 de Pedagoxía Terapéutica e 1 de Audición e Linguaxe, como mínimo e a tempo completo”.

A alcaldesa insistiu na necesidade de acometer estas incorporacións “o antes posible” tendo en conta as necesidades do alumnado das que está informada “a consellería desde hai semanas”.

O Concello, confirmou, apoiará as reivindicacións que se fagan pola mellora educativa en Betanzos, como no seu día “desde o grupo de goberno se apoiou unha moción no Pleno sobre reivindicacións para mellorar os centros educativos e cubrir as necesidades de profesorado, moción que non contou co apoio do PP de Betanzos”.

María Barral, xunto ao conselleiro, percorreu o centro educativo no que se levaron a cabo as obras de mellora “despois de anos de espera”, segundo indicou a primeira edil. “O resultado das melloras, así como lle comentei ao conselleiro, é satisfactorio e grazas a elas, como reclamabamos desde o Concello, puidemos evitar que houbese alumnado de primeira e de segunda nun mesmo colexio”.

Non obstante, indicou que a pesar do resultado das obras hai aspectos que aínda son “mellorables”, como a superficie do comedor. “É unha zona limitada que fai que agora teñamos que manter as dúas quendas de comida e que, de cara ao futuro, se hai máis usuarios/as de comedor, mesmo teríamos que facer ata tres quendas”, sinalou.

Considera tamén que “hai espazo suficiente para construír un anexo ao comedor e ampliar a súa superficie”, e non entende, “malia dicilo no seu día, por que non se contemplou esta posibilidade e agora estamos limitados de cara ao futuro”, como explicou nas súas declaracións.