Betanzos adicará ao cineasta e guionista galego Angel de la Cruz a XXIII Semana Internacional de Cine

35
A programación foi presentada pola alcaldesa de Betanzos, María Barral; o director da Semana de Cine, Chema Paz Gago, e o propio homenaxeado no cine Alfonsetti

Betanzos celebrará a XXIII Semana Internacional de Cine do 21 ao 24 de xullo, dedicada nesta edición ao cineasta e guionista galego Ángel de la Cruz, un dos grandes nomes da animación e do cine español.

Ao longo de catro xornadas, o público poderá coñecer unha ampla mostra da filmografía de De la Cruz, cunha selección de sete longametraxes que percorren diferentes etapas da súa carreira, desde os seus grandes éxitos na animación ata o thriller e o cine de autor.

A programación abrirase o martes 21 de xullo con El bosque animado e El sueño de una noche de San Juan. O mércores 22 será a quenda de Arrugas e Memorias de un hombre en pijama, dúas películas de forte contido social arredor do deterioro cognitivo e o envellecemento. O xoves 23 proxectaranse a comedia Los muertos van deprisa e O home e o can, mentres que a clausura, o venres 24, contará coa proxección do thriller La silla e coa tradicional gala de entrega do Premio da Semana Internacional de Cine de Betanzos a Ángel de la Cruz.

Para descargar o programa completo preme AQUÍ

Para máis información preme AQUÍ

Durante a presentación, a alcaldesa, María Barral, puxo en valor a aposta da Semana Internacional de Cine por recoñecer o talento galego. Destacou que nos últimos anos o festival centrou os seus homenaxes en profesionais de Galicia de diferentes ámbitos do audiovisual e mostrou a súa satisfacción por dedicar esta edición a “un contador de historias” como Ángel de la Cruz. “En Galicia hai moitísimo talento e tamén hai que poñelo en valor”, sinalou Barral, quen lembrou que, en ocasións, “na propia terra custa máis recoñecer o mérito dos nosos creadores”.

A rexedora destacou tamén o papel do Cine Alfonsetti, escenario da Semana de Cine, como un espazo singular. “É o cine en funcionamento máis antigo de Europa, ou un dos máis antigos, e ademais é un cine municipal”, subliñou. Recordou que durante todo o ano o Concello mantén unha programación cinematográfica gratuíta para todos os públicos, reforzando así o histórico vínculo de Betanzos coa cultura cinematográfica.

Pola súa banda, o director da Semana de Cine, Chema Paz Gago, destacou a versatilidade do homenaxeado, ao que definiu como un auténtico “contador de historias”. Subliñou a súa capacidade para transitar por xéneros moi diferentes, desde a animación en 3D ata a comedia, o cine de autor ou o suspense, así como a relevancia social de obras como Arrugas e Memorias de un hombre en pijama. Tamén lembrou que o único recoñecemento que lle faltaba era precisamente o Premio da Semana de Cine de Betanzos.

Ángel de la Cruz mostrouse moi agradecido polo galardón e lembrou a especial relación que mantén con Betanzos. Explicou que os primeiros premios de guión que recibiu, precisamente da man de Chema Paz Gago, foron decisivos para iniciar a súa carreira cinematográfica e confesou que, de non ser por aquel impulso, probablemente hoxe sería arquitecto. O cineasta tamén evocou a rodaxe en Betanzos dunha das súas primeiras longametraxes como axudante de dirección artística, unha experiencia que lle fai gardar un especial cariño á cidade e que, segundo sinalou, “pecha un pouco o círculo” coa homenaxe que agora recibe.

A gala de entrega do premio a Ángel de la Cruz e a tradicional alfombra vermella celebraranse o 24 de xullo, pechando unha edición que volverá converter Betanzos nun punto de encontro para o cine galego e español.