Betanzos adxudica por 600.000 € diversos proxectos de infraestrutura cuxas obras comezarán a finais de marzo

142
Rúa Cruz Verde

O Concello executará a finais de marzo diversos proxectos de obras de infraestruturas, adxudicados onte en xunta de goberno, nos que se investirán preto de 600.000 euros.

Trátase de actuacións incluídas en plans provinciais que afectan tanto á zona urbana como á zona rural do municipio. Entre os proxectos figuran viais na Veiga e Caraña, nos que se investirán uns 180.000 euros, dentro do plan municipal de acondicionamento de camiños viarios municipais; o parque Pablo Iglesias, cun investimento de 100.000 euros; e as rúas Xudeos e Cruz Verde, con 270.000 euros.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata de proxectos que forman parte do programa de melloras de viais municipais (da zona rural) e rúas do centro urbano, no que se inclúe a renovación de pavimentos e servizos.

No caso da rúa Xudeos e Cruz Verde, os traballos contribuirán a reforzar os valores arquitectónicos e espaciais, especialmente significativos no caso da Rúa Xudeos, de importancia histórica no trazado histórico urbano de Betanzos así como de Cálea Cruz verde polo seu enclave céntrico e partindo desde unha zona de gran significado dentro do centro histórico da cidade.

A pavimentación da rúa realizarase con laxas de granito en toda a súa superficie desde a Rúa Xudeos onde todo o seu trazado executarase con laxas igualmente de granito. Con carácter xeral proxéctase o trazado integral das beirarrúas, buscando maximizar a súa anchura e optimizando o seu trazado na medida do posible, proxectando zonas de desafogo sempre que sexa posible para os pasos de peóns. Proxéctase a substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano existente de maneira homoxénea a outras actuacións levadas a cabo polo Concello de Betanzos en zonas de interese histórico e de centralidade urbana.

En canto ao parque Pablo Iglesias os traballos incluirán a talla de árbores mortas, que presentan un deficiente estado fitosanitario ou que teñan un grao de inclinación que supoñan risco de caída ou fractura. Plantaranse 28 novos exemplares en substitución daqueles retirados e completando o deseño do xardín. A selección de especies leva a cabo buscando a variedade de porte e cor complementando a paleta cromática actual.
Tamén se actuará nos carreiros do parque que están rodeados por copas e raíces dos exemplares máis lonxevos e para a súa protección a actuación debe ser conservadora. En canto a mobiliario urbano retiraranse os bancos existentes por atoparse en mal estado de conservación, moitos deles semienterrados coas sucesivas achegas de material. Colocaranse varias unidades para completar a oferta existente nos puntos de intersección dos carreiros, pero fose do camiño da circulación dos peóns. En total serán 23 bancos, con respaldo e apoia brazos (recollendo unha das peticións dos usuarios de maior idade), buscando a uniformidade en acabados e gama cromática. Tamén se substituirán as 9 papeleiras optando por un modelo máis actual, en consonancia cos novos bancos.
Limparanse as luminarias, as esculturas, o reloxo de sol e o escudo mediante procedementos apropiados que non deterioren o granito. Colócase unha nova fonte bebedoiro cuxo deseño, pulsador sobre poste, permita a súa utilización por unha maior diversidade de usuarios e na intersección dos camiños diagonais colocaranse unhas xardineiras centradas, sensiblemente alomadas, con planta de longa floración.

A revalorización do edificio de sindicatos para un novo uso será sen dúbida un revitalizador para o parque. Sempre que a rehabilitación e novo uso non se definan proponse unha solución provisional que mellore a percepción desde o parque. A proposta consistiría na retirada do parque infantil e a recuperación do trazado xeométrico orixinal do carreiro.