O goberno local adapta urbanisticamente a parcela que podería albergar o primeiro Centro de Día Municipal

243

O goberno deu un paso máis no seu obxectivo de contar cun Centro de Día en Betanzos. En paralelo á solicitude de construción das instalacións para que a opta a recibir unha partida a través dos Fondos Europeos para a recuperación dentro do eixo de economía de coidados e reforzo de políticas de igualdade e inclusión do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, o goberno local aprobou en pleno o cambio de uso da parcela municipal na que se proxecta o centro, de equipamento dotacional educativo a sanitario-asistencial.

A convocatoria para conseguir fondos europeos obrigaba ás entidades solicitantes a certificar que a parcela era propiedade municipal.

Esa certificación fíxose xunto ao proxecto de centro de día, pero, ante a posibilidade, agora, “de poder conseguir esa axuda, o Concello adapta a cualificación da parcela ao posible novo uso”, indicou o goberno local.

A axuda do Goberno de España destinada a este tipo de instalacións é de 17 millóns de euros a repartir entre os municipios demandantes, aínda que, dado o número de peticións e proxectos pediuse á Xunta que “complemente a partida do Goberno con fondos propios”. Por esta razón, despois de case un ano de presentar a solicitude “aínda está pendente a resolución das axudas por parte da Comisión Mixta creada polo Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a repartición técnica destas axudas”.

O Centro de Día é un proxecto que foi exposto polo goberno local en varias ocasións á propia Xunta, que é a que ten as competencias directas na materia, pero que “nunca foi atendido”, segundo lembrou a alcaldesa, María Barral, quen, como vicepresidenta da Fegamp, impulsou que este asunto fose tratado no seo dos acordos marco entre este ente supramunicipal e a Xunta aproveitando os programas de Fondos Europeos para a Recuperación. Por mor diso, abriuse un camiño para que “administracións como Betanzos, que levabamos anos tentado que a Xunta construíse un centro de día, podamos optar a ter unhas instalacións que cubran as necesidades de moitos veciños/as”.

A primeira edil indicou que Betanzos solicitará unha axuda para a construción ou adaptación de instalacións para poder contar cun Centro de Día, para o que está previsto unha asignación de 600.000 euros, dependendo o caso, no que se dará prioridade a concellos de menos de 20.000 habitantes, que carezan doutros recursos de similares características e que dispoñan de terreos ou instalacións e presenten un anteproxecto de actuación, unhas condicións que cumpre Betanzos.

A alcaldesa indicou que, en todo caso, esas axudas non serían suficientes para cubrir unha nova construción ou a reforma de instalacións para o centro, pero que o Concello asumirá o que corresponda porque “non podemos perder esta oportunidade. Sabemos que a Xunta, que é a que tería que facelo, non ten nos seus plans a construción de servizos deste tipo que, para un concello como o noso, resultan nestes momentos fundamentais para atender as necesidades da poboación”.

María Barral explicou que a primeira opción foi poder rehabilitar o antigo ambulatorio para a súa utilización como Centro de Día, pero que ao non certificar que o edificio era instalación de propiedade municipal, o Concello solicitou a construción dun novo na parcela do Carregal.