Betanzos agarda desde hai anos que Adif ou Xunta lle cedan ao Concello a propiedade da pasarela de Infesta para poder executar obras de mellora

237

O Concello non é propietario da pasarela peonil e, por tanto, non pode actuar sobre esta. Calquera intervención neste sentido contaría cos informes desfavorables dos servizos municipais que poderían derivar noutro tipo de responsabilidades xudiciais. Ante esta situación, e a pesar da preocupación do goberno local pola deterioración da pasarela e a súa intención, desde hai tempo, de resolver unha situación administrativa que pon este equipamento en “terra de ninguén” a nivel de competencias, o certo é que “nestes momentos estamos atados de pés e mans á hora de poder abordar calquera mellora na pasarela”, indica a primeira edil, María Barral.

“Comparto as queixas dalgunha veciñanza pola situación da pasarela, e entendo que sexa obxecto, para algúns, de utilización electoralista, pero tal e como explicamos nunha reunión coa veciñanza e no propio Pleno, non existe cesión ningunha por parte da Xunta desa pasarela e, por tanto, esa situación dificulta poder levar calquera tipo de actuación”, indica a primeira edil.

A pasarela foi construída pola Xunta con autorización de Renfe á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas en 1989. No 2018, ante a deterioración desta, o Concello pretendeu abordar a mellora desta a través dun programa provincial. Foi nese momento cando o Concello non puido incluír esta obra nas súas solicitudes á Deputación para o plan de Obras ao non poder certificar que era o propietario da pasarela. Ese mesmo ano solicitoulle a Adif unha certificación da titularidade, que concluíu que no inventario de Bens Inmobles de Adif non constaba a existencia dunha acta específica ou transmisión de titularidade da pasarela e que o único que había era a autorización en xaneiro de 1989 á Xunta de construción desta, descoñecéndose se a Xunta “foi a receptora da pasarela ou, no seu caso, foi transferida a outra Administración”.

O goberno local puxo en coñecemento da Xunta a situación, sen que tampouco no seu inventario de Bens constase a citada pasarela, mais esta situación dificulta aínda máis o feito de poder actuar sobre esta “xa que a  inexistencia dese documento de cesión do equipamento, fai que o Concello non poida abordar legalmente actuacións que, sen dúbida, xa quería executar desde hai uns anos”.

María Barral comprometeuse coa veciñanza a executar a mellora da pasarela “por parte do Concello no momento en que se liquidase esa cuestión administrativa, xerada con motivo de concluír os traballos solicitados en 1989,  que, en todo caso, nestes momentos non depende do Concello. Se mañá nos certifican que a pasarela é do Concello, como pedimos, buscarase a fórmula para abordar os traballos. A veciñanza ten o meu compromiso”.