O goberno local retomará a actividade das instalacións da piscina descuberta durante o próximo verán

162

Tras tres anos pechada, entre eles pola afectación da pandemia, o goberno local retomará a actividade das instalacións durante o próximo verán, en concreto, durante os meses de xullo e agosto coa posibilidade de alongar a actividade, en función da situación meteorolóxica, ata mediados de setembro.

O Concello porá a punto as instalacións nas próximas semanas para que poidan estar operativas de cara ao mes de xullo. Trátase dun servizo que contaba cunha importante aceptación e que quedou afectado durante a pandemia. O pasado ano non se puido retomar a actividade co que o Concello decidiu manter o servizo de transporte gratuíto á praia de Miño que xa iniciara un ano antes, en 2021.

Este ano, aínda que funcione a piscina exterior, manterase tamén un servizo de transporte a Miño tres veces por semana, tendo en conta a gran aceptación que tivo tanto o pasado ano como o anterior.

Complexo deportivo

Por outra banda, esta mesma semana iniciou a actividade a nova concesionaria do complexo deportivo do Carregal, que inclúe a xestión dos servizos de xestión da piscina municipal e o desenvolvemento das actividades deportivas no polideportivo municipal. A nova concesión manterá as actividades que viñan realizando, e comprometéronse a ofertar un programa composto por Ioga, pilates, bike, zumba e bádminton. Tanto as salas de musculación como a piscina interior operarán en réxime de apertura ininterrompida, coincidente coa apertura das propias instalacións, é dicir, de luns a venres, de 07:30 h a 22:30 h, os sábados de 09:00 h a 13:30 h e os domingos e festivos de 09:30 h a 13:30 h.

O mantemento do complexo e as actividades suporá un gasto para o Concello de 276.000 euros ao ano. O contrato é dun ano prorrogable a outro máis.