Betanzos inclúe un parque infantil na reforma da praza do Emigrante para evitar filtracións e mellorar a súa estética

156

O Concello aprobou outros dous proxectos para incluír en plans provinciais. Trátase da mellora da urbanización e servizos da rúa Alcalde López Datorre e a rehabilitación e impermeabilización da praza do Emigrante. En total un investimento de 473.255 euros. Sobre este último proxecto, a alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha actuación que ten como obxectivo reordenar este espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece.

Os traballos consistirán na actualización dos acabados e en resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior. Mellorarase, por tanto, o firme actual, renovarase o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.

Renovarase tamén o pavimento e o mobiliario e incluirase o deseño de novos bancos e zonas de descanso, a plantación de especies vexetais e a localización dunha nova área de xogos infantís. O orzamento previsto para esta actuación é de 316.166 euros.

Canto á rúa López Datorre, trátase dun proxecto que se enmarca na renovación de vías da zona urbana que o Concello levou a cabo ao longo deste mandato. Unificarase o pavimento do firme e das beirarrúas e renovaranse os servizos de abastecemento de auga e saneamento.  O cambio de beirarrúas e de pasos de peóns da rúa será nos mesmos termos que os expostos noutras renovacións como as rúas Venezuela, ou os proxectados para Alcalde Beccaría ou Tomás Dapena.

Modificaranse tamén os puntos de iluminación pública. O proxecto suporá un desembolso duns 157.000 euros.