Betanzos celebrou Concerto da Ilusión coa incorporación na Banda Municipal de sete novos músicos e músicas. Galería de imaxes

469

Betanzos celebrou o pasado domingo, día 21 de novembro, o tradicional concerto da ilusión. Trátase dunha das citas culturais máis importantes do ano, xa que a Banda Municipal recibe a novos integrantes, novos músicos e músicas que debutaron no concerto que tivo lugar ás 19.30 horas na igrexa de Santa María.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata de “unha das citas máis agardadas polos nosos mozos e mozas, que está na axenda de aquel que segue a actividade cultural da cidade e volve pór en foco a Banda Municipal de Música de Betanzos. O Concerto da Ilusión cítanos, un ano máis, para compartir un soño, ou dous debutantes que, sobre o mesmo escenario que os seus veteranos, experimentarán as emocións propias dunha estrea e converterán Santa María nesa fábrica de soños que anuncia o Nadal”.

A alcaldesa destacou a importancia que ten este acto para os mozos e mozas integrantes, o “bautismo” como músicos e músicas. Trátase de María Meléndrez Rodríguez (clarinete); Marcos Suárez Rivas (tuba); Rocio Abrodos (trompa);  Sergio Abrodos Sobrino (saxofón); Diego Caamaño González (trombón); Álvaro Cegade Martínez (trompeta) e Mar Rodríguez (violonchelo).