Betanzos celebrou con éxito de participación unha nova edición do “Caneiros en familia”, unha romaría organizada coa idea de promover unha xira para que os betanceiros gocen dun día especial, subindo ata Os Caneiros en embarcacións ou a pé e logo alí xantar no campo, a beira do Mandeo, coas viandas que os propios romeus leven.
Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, se estableceron viaxes desde o embarcadoiro da Tolerancia ata o campo de Os Caneiros na embarcación municipal “Diana Cazadora”. A ela sumáronse outras moitas embarcacións.
O Concello organizou de novo esta cita para difundir e inculcar “os valores e tradicións características desta romaría”. O obxectivo non é outro que seguir dando pasos para evitar que se desvirtúe a romaría, un propósito do conxunto de entidades do municipio e dos diferentes partidos políticos.