A proxección do novo comedor do colexio Vales Villamarín que se recolle na actuación que ten prevista realizar a Consellería de Educación no colexio Vales Villamarín é insuficiente para atender ao alumnado do centro. Así o explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, despois de valorar xunto co persoal técnico municipal o proxecto presentado pola Xunta no Concello para solicitar licenza de obras. “Estamos a revisar a proposta e hai algúns aspectos que imos solicitarlle á Xunta que, dalgunha maneira, complemente o que ten previsto con algunha actuación máis que cubra as necesidades do centro, xa non futuras, senón actuais”, indicou a primeira edil.
Entre esas actuacións complementarias que pedirá o Concello está o comedor. A proxección da Consellería recolle un espazo con capacidade para 175 alumnos e alumnas, unha cifra que resulta, agora mesmo, “insuficiente para atender o servizo”.
Nestes momentos, o comedor é utilizado, en Primaria, por 340 escolares, repartidos en dúas quendas. A proxección do futuro comedor, tras a reforma, faría inviable establecer só unha quenda de comida, como se solicitou en varias ocasións por parte de moitos usuarios e usuarias.
Os 340 alumnos e alumnas actuais quedarían divididos en dúas quendas de 170 escolares, co cal só habería espazo para 5 persoas máis en cada quenda, unha cifra insuficiente, de xeito evidente, porque ao longo do curso vanse a incorporar, como sucede todos os anos, “máis de cinco e de dez persoas que por diversos motivos non empezan o curso co comedor e que logo se incorporan”.
María Barral coida, ademais, que nun investimento como a que se vai a facer desde o punto de vista económico, aumentar lixeiramente o gasto con esta ampliación non suporá un desequilibrio económico para a Consellería. “Estamos a falar dun pequeno investimento a maiores do previsto cun beneficio inmenso para o colexio de face aos problemas anos”. A proposta pasa pola ampliación do comedor na mesma zona onde está actualmente xa que habería espazo suficiente.
A alcaldesa volveu amosar a súa preocupación, pola falta de noticias canto á mellora da cuberta do pavillón, que está “inutilizado desde o curso pasado tanto a nivel escolar como por parte doutras entidades” polas constantes filtracións de auga que ten. Indicou que na última reunión coa delegada territorial, Belén do Campo, acordouse que a xefatura de Educación dese os pasos necesarios co Concello para arranxar a cuberta, asumindo, “un financiamento ao 50%, aínda que non fose da nosa competencia. A día de hoxe seguimos agardando”.











