O Concello roza varias leiras que levaban anos sen limpar en varias zonas da cidade e estenderá o programa a terreos da zona rural

456

O Concello está a executar, de forma subsidiaria, a limpeza de diversas leiras particulares situadas no centro urbano. Localizadas na zona dos Ánxeles, entre as vivendas e o río Mandeo, os traballos forman parte dun programa municipal que se estenderá a outras partes da cidade como a avenida Jesús García Naveira, rúa do Rollo ou Saavedra Meneses. Son terreos que as persoas propietarias non limparon nin rozaron, como é a súa obriga, próximos a vivendas, nos que o Concello actuará de forma subsidiaria despois de todo un longo proceso de trámites administrativos e que desde hai anos xeran problemas de convivencia.

A roza de terreos tamén se realizará na zona rural, en leiras próximas a vivendas nas que se está incumprindo a orde de limpeza de maleza e arbustos nunha  franxa de seguridade de 50 metros. Nestes momentos, o Concello ten máis de 700 expedientes abertos con ordes de roza de terreos nos que as persoas propietarias están obrigadas a realizar os traballos. En caso contrario, o proceso prevé sancións e o pagamento dos traballos de forma subsidiaria.

O Concello explicou que a maior parte dos casos, as persoas propietarias están a responder ben e asumindo as súas responsabilidades. Noutros, con todo, a situación esténdese no tempo polo caso omiso das persoas propietarias e porque o proceso administrativo é longo. “Hai moitos veciños e veciñas prexudicadas, pola proximidade ás súas vivendas desas leiras sen limpar e que non comprenden que non se poida actuar máis rapidamente por parte da Administración pero non podemos entrar en propiedades privadas á lixeira”, sinala o concelleiro de Servizos, Andrés Hermida.

Os traballos están  a executarse con persoal municipal, que houbo que reforzar para esta finalidade. Ademais destas leiras, o Concello iniciará un plan de roza e limpeza de viarias municipais e zonas públicas, que comezará no polígono industrial de Piadela e irase estendendo polo resto do municipio.

Corte de tráfico

Por outra banda, o Concello iniciará o próximo día 23 as obras correspondentes ao camiño da Veiga, incluídas no proxecto de acondicionamento de camiños da Veiga a Caraña. Procederase á limpeza de beiravías e á mellora de dous tramos do camiño que se consideran necesarios para acceder á zona desde a DP-0905. O tramo de camiño afectado, comprendido entre a estrada provincial e o primeiro cruzamento deste, permanecerá cortado ao tráfico durante un mínimo de 6 semanas.