Betanzos dedicará 2026 á Asociación Cultural Xóvenes do Pobo en homenaxe ao seu labor pola conservación das danzas gremiais no ano do seu 50 aniversario

409
A alcaldesa, María Barral, xunto ao presidente da Asociación Cultural Xóvenes do Pobo de Betanzos, Ton Pena.

A alcaldesa, María Barral, trasladou ao presidente da Asociación Cultural Xóvenes do Pobo de Betanzos, Ton Pena, a decisión de dedicar o ano 2026 á entidade con motivo da celebración do seu 50 aniversario.

Este recoñecemento quere destacar o traballo realizado ao longo de todos estes anos pola recuperación e posta en valor das danzas gremiais.

Coincidindo con isto, a alcaldesa anunciou que o Concello solicitará tamén a declaración como BIC inmaterial das catro danzas gremiais que conserva Betanzos: Mariñeiros ou Mareantes, Labradores, Zapateiros e Xastres ou Alfaiates.

Das catro, a Asociación Cultural Xóvenes do Pobo recuperou e conserva a de Mariñeiros ou Mareantes, en cada día de celebración, e a Danza de Labradores, con menor asiduidade pero coa mesma precisión e entrega; e a enerxía dos nenos e nenas, conscientes de que nos movementos dos seus pés e as súas mans reside parte da historia de Betanzos.

A Escola Municipal de Folclore foi a encargada de recuperar a Danza dos Xastres ou Alfaiates, rescatada nos anos 80 e 90 pola Agrupación Pasiño a Pasiño. Nos actos do 800 aniversario da cidade, a Escola Municipal recuperou tamén a dos Zapateiros para, por primeira vez, mostrar as catro danzas xuntas aos betanceiros e as betanceiras nunha actuación chea “de emocións e orgullo betanceiro”.

A alcaldesa indicou que con motivo deste 50 aniversario o Concello pretende dedicar á entidade o ano 2026 co calendario municipal, exposicións, conferencias e un festival especial, ademais da imposición do Garelo Especial. Destacou a capacidade mostrada pola agrupación e a importancia que ten na historia cultural da cidade a recuperación e conservación da Danza de Mariñeiros e a Danza de Labradores.

Xóvenes do Pobou tomou no seu día o relevo “dos nosos maiores”, o pais, avós, bisavós e tataravós dos actuais danzantes, e das persoas voluntarias da OJE (Organización Juvenil Española) que entre 1966 e 1980 se entregaron á recuperación de coreografías, ritmos e a indumentaria históricos propios do século XVI.