O CEIS As Mariñas organiza unha xornada de reflexión o 7 de novembro en Abegondo “A ética como soporte da intervención social

643

O Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) do Consorcio As Mariñas celebrará o vindeiro 7 de novembro a xornada “A ética como soporte da intervención social”, un encontro destinado a persoas usuarias, profesionais, entidades e administracións que traballan no ámbito dos servizos sociais. O evento terá lugar na Finca Os Loureiros (Penela, 12 – Abegondo).

O encontro pretende ser un espazo de reflexión compartida e deliberación ética, abordando cuestións clave da práctica profesional e institucional: os problemas éticos no traballo social, o papel da comunidade como axente activo e a incorporación das voces das persoas usuarias nos procesos de intervención.

A xornada será inaugurada por José Antonio Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas, e María Barral Varela, representante política do Plan Coordinador de Servizos Sociais. A continuación, celebrarase a primeira mesa de debate, titulada “Os retos da sociedade actual: a resposta da ética”, coa intervención de Juana Aza Gutiérrez, vicepresidenta do CEIS de Biscaia, moderada por Serezabel Rodríguez, presidenta do CEIS As Mariñas.

O programa inclúe tamén as mesas “O enfoque comunitario nos servizos sociais: a comunidade como axente chave”, a cargo de Ana Vilar, vicepresidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e “A deliberación dos problemas éticos”, onde se presentará oficialmente o Comité de Ética en Intervención Social das Mariñas, único e pioneiro en Galicia.

Segundo destacou Serezabel Rodríguez, presidenta do CEIS As Mariñas, “a ética non é un complemento, senón o soporte da intervención social; é o que nos permite actuar con humanidade, responsabilidade e respecto polos dereitos das persoas”.

O CEIS As Mariñas leva seis anos de traxectoria como espazo de acompañamento e asesoramento a profesionais e entidades, promovendo unha cultura ética sólida no territorio. A súa labor abrangue desde a formación e a orientación de equipos ata a participación en congresos e redes estatais de ética aplicada aos servizos sociais.

A participación na xornada é gratuita, previa inscrición antes do 31 de outubro a través do formulario dispoñible en liña:
👉 Formulario de inscrición


Data: 7 de novembro de 2025
Lugar: Finca Os Loureiros, Penela 12 – Abegondo
Organiza: Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) do Consorcio As Mariñas

Comité de Ética en Intervención Social As Mariñas
[email protected] | https://www.consorcioam.org/es/ssss/#ceis