O Concello renova a pasarela peonil de madeira das Cascas ao Pasatempo, que permanecerá cortada durante os traballos.

230

O Concello iniciou as obras de mellora da pasarela de madeira á altura das Cascas que conecta peonilmente esta zona co Parque do Pasatempo. Para a realización dos traballos, que se desenvolverán durante as próximas semanas, será necesario cortar o paso.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha pasarela moi utilizada pero que pola súa ubicación sufriu danos en distintos elementos debido á acción da humidade acumulada. Esta situación levou á aparición dunha podremia fúnxica activa na madeira, con afectacións que potencian as probabilidades de fallos estructurais. De aí que se decidise actuar sobre ela e restaurala para brindar un uso seguro, do xeito máis sostible posible.

Para recuperar a vitalidade, funcionabilidade, seguridade e durabilidade da pasarela levaranse a cabo unha serie de intervencións encamiñadas a corrixir as afectacións e problemas que conlevaron a deterioración dos seus elementos, para evitar así o risco de fallos estruturais.

Substituiranse as pezas afectadas por outras de madeira tratada tanto nas varandas, vigas e travesas, como no entaboado de tarima. Ademais, colocarase unha lámina bituminosa como barreira impermeable na unión entre o entaboado do chan e as travesas que o soportan. Tamén se mellorará a protección das vigas con cabezas ou remates de aluminio para evitar a súa deterioración, aplicarase un tratamento funxicida preventivo específico para madeira e selaranse as fisuras con resinas ou masillas para exteriores nas pezas que sexan reparables sen necesidade de seren substituídas. A actuación inclúe tamén unha limpeza profunda da madeira e un selado de terminación.

Beirarrúas da ponte Nova

Por outra parte, o Concello acometeu os traballos de reparación das beirarrúas da ponte Nova, en ambas as marxes, para mellorar a seguridade peonil. Substituíronse as baldosas que estaban levantadas ou en malas condicións. Estas obras foron realizadas polo Concello malia se tratar dunha vía de competencia do Estado.

Esta actuación foi incluída no programa de mellora da seguridade vial que se leva a cabo en varios puntos da cidade, que incorpora a eliminación de barreiras arquitectónicas e a construción de pasos peoniles elevados e “lombos de burro”, estes últimos como medida de redución de velocidade.