Betanzos denuncia que os recortes da Xunta no profesorado do Vales Villamarín afectaralle a Inglés, Educación Física e ao alumnado con necesidades especiais

425

O Concello esixiralle a Xunta que cubra de forma urxente para o inicio de curso as prazas do profesorado necesario no Vales Villamarín que Educación acaba de suprimir. Estes recortes afectaranlle de forma directa ao alumnado de Infantil e Primaria que, de non mellorar a situación, verán “alterado o curso en varias materias”. O goberno local presentará unha iniciativa no Pleno deste mes, ademais de dirixirse de forma urxente a Educación ante “o prexuízo que se lle crea á comunidade educativa de Betanzos”.

O Vales Villamarín tiña catro vacantes que era necesario cubrir e así llo solicitou a Educación: unha de Infantil con Inglés; outra de Educación Física; outra de Educación Física con Primaria e unha de Pedagoxía Terapéutica. Delas, nunha primeira resolución cubriuse a de Educación Física, e ficaron as outras tres á espera da Resolución definitiva que se fixo pública o pasado 3 de agosto e na que o Colexio queda sen esas tres prazas á “espera da decisión que se poida tomar en setembro”.

A falta deste profesorado, na práctica, significa que en Infantil non poderá ter clase de inglés; unha unidade de Primaria non tería titor/a e un nivel Primaria tampouco contará con clases de Educación Física. A maiores, e unha situación que o Concello cualifica como moi grave, “parte do alumnado que ten necesidades especiais non poderá ser atendido pola falta dunha praza de pedagoxía terapéutica cando “Educación sabía que este curso era imprescindible reforzar o departamento e cubrir esta praza para atender as necesidades do centro”.