Betanzos dispón dun novo orzamento municipal de 13,9 millóns de euros logo de que non se presentasen alegacións

602

O Concello conta desde hoxe cun novo orzamento. Despois da súa aprobación en Pleno e de que non se presentase ningunha alegación, Betanzos conta con novo orzamento municipal para este ano que alcanza os 13.930.579,24 euros, o que supón un incremento de 2.969.487,46 euros respecto ao ano anterior; é dicir, un 27,09% máis.

A alcaldesa, María Barral,  volveu destacar que se trata dunha proposta económica  que permite recuperar capacidade inversora e que consolida un modelo de xestión centrado nas persoas, na protección social, na educación, e que aposta pola igualdade e impulsa investimentos  tanto no rural como na zona urbana.

Indicou que os orzamentos que entran en vigor  “reforzan os servizos públicos e a colaboración co tecido social, cultural e económico do concello” ao se tratar dun “orzamento equilibrado, solvente e responsable, que cumpre coas normativas de estabilidade, con máis servizos públicos, máis igualdade, máis investimento e máis futuro para a veciñanza”

Un dos eixos principais do orzamento é o reforzo das políticas sociais para as que destina uns catro millóns de euros.  Mantén e reforza o Servizo de Axuda no Fogar, para o que se reservan 1,3 millóns de euros; amplía partidas para transporte municipal e continúa con programas de atención no ámbito das drogodependencias, ademais de incluír o gasto social extraordinario a través do Plan POS+ Adicional. Para a primeira edil  a protección social “non é un gasto, senón un investimento en dignidade, cohesión social e xustiza”.

Inclúe a aposta dedicida pola educación pública, ao destinar 1,3 millóns de euros para o mantemento do CEIP Vales Villamarín; para a Escola Infantil Municipal e para a xestión directa do servizo de comedor e madrugadores  do Vales Villamarín por parte do Concello, o que reforza e garantiza o control público e de calidade do servizo.

Por primeira vez, o orzamento conta con partidas específicas para avanzar cara á creación dun Centro de Información á Muller (CIM), para o que se destinan 151.261 euros no edificio de Servizos Sociais.

Os gastos de persoal ascenden a 6.202.232,99 euros, e os de bens correntes e servizos superan os 5,2 millóns de euros, cun incremento do 18,17%, o que permitirá reforzar a limpeza, o mantemento, a atención social, a cultura, o deporte e os servizos esenciais para a veciñanza.

Manten tamén a aposta, a pesar do escaso apoio da Xunta, por reforzar a educación cultural a través do Conservatorio Municipal. Nesta área cultural, mantense unha firme aposta pola programación en todos os ámbitos e pola dinamización lingüística, para apoiar a creación, a identidade cultural e a normalización da lingua galega.

O Concello reforza as políticas de apoio ás persoas autónomas e ás pequenas empresas, para as que se impulsan iniciativas de dinamización e promoción do comercio local, considerado polo goberno municipal como un piar fundamental para a economía e a vida urbana de Betanzos.

O capítulo de investimentos reais ascende a 1.312.299,09 euros, cun incremento moi significativo respecto ao exercicio anterior. Entre as actuacións, que se levarán a cabo tanto na zona urbana como na zona rural, destaca a reforma e recuperación do parque infantil do Pasatempo, en colaboración coa Deputación, cun investimento de 300.000 euros;  actuacións de eficiencia enerxética no alumeado público e no Polideportivo Municipal. Tamén se recolle a renovación e o pintado de pavimentos viarios na rúa das Mariñas, Manuel María e Irmandades da Fala e mais na zona de Infesta, a humanización en posta en valor do barrio da Condesa  e melloras de pavimentación na Condomiña.

O orzamento recolle tamén transferencias e subvencións para entidades sociais, culturais e económicas, de xeito que se reforza a colaboración con entidades que contribúen á dinamización social e cultural do concello. Hai recollidas axudas directas a ACEBE, á Asociación Concilia para apoio educativo e actividades extraescolares e á Fundación CIEC, sen esquecer as axudas de emerxencia social e as subvencións concedidas en réxime de concorrencia competitiva. Tamén hai unha achega para a Fundación Globo de San Roque  para conservar, custiodar e divulgar a tradición do Globo.