Betanzos entrega os premios Garelos 2020 ao xogador de fútbol Dani Rodríguez, á Agrupación Teatral Mariñán e á empresa Adegas Rivas. Galería de imaxes

737
A alcaldesa María Barral xunto a membros da corporación municipal e os premios Garelos 2020

O Concello entregou o pasado, día 14, os premios Garelos, o máximo recoñecemento que concede o Concello cada dous anos a betanceiros ou betanceiras que destacan na súa traxectoria ou ben a nivel individual ou ben a nivel colectivo en cultura, deporte e en comercio e industria. Este ano houbo un “Garelo especial” para recoñecer  o labor, o traballo, a dedicación e o afán de colaboración co Concello da Asemblea Local de Cruz Vermella.

En Cultura o premio foi para a Agrupación teatral Mariñán que este ano cumpre o seu décimo ano de vida. O Concello quixo destacar así o labor deste grupo de teatro afeccionado por achegar as artes escénicas a todos os betanceiros e betanceiras. Hai uns 25 anos, foi o profesor de literatura española, Daniel Martínez, quen levou o entusiasmo polo teatro a moitos betanceiros e betanceiras a través dun grupo escolar chamado “Aveliña” e a creación do colectivo “Rapsodas”. A partir de aí ideou xunto con outro destacado betanceiro, Xulio Cuns, a Agrupación de Teatro Mariñán como unha solución para que os estudantes que cursasen esta materia no instituto Francisco Aguiar seguisen ligados ao mundo do teatro. Desde entón ata hoxe continúan a súa viaxe polas artes escénicas, co encontro de teatro afeccionado cada mes de febreiro.

En Comercio e Industria o recoñecemento foi para Adegas Rivas, unha empresa familiar fundada por Santiago Rivas en 1917. A actividade principal da compañía foi a comercialización e distribución de viño a granel e embotellado, ademais da venda en se negocio da rúa Vandoncel 5 antes de trasladarse en 1986 á avenida Linares Rivas, onde se atopa a día de hoxe. Unha empresa familiar que se foi renovando e modernizándose adaptándose aos tempos.

En Deportes, o Garelos 2020 foi para Daniel Rodríguez Vázquez “Dani Rodríguez”, o futbolista nado en 1988 en Betanzos pertence ao Real Club Deportivo Mallorca co que disputou a liga Santander. O centrocampista iniciou a súa andaina co Deportivo en 2007, desde onde foi cedido na tempada 2007/2008 ao Betanzos, permanecendo logo no Deportivo ata 2011. Logo virían outros equipos como o Conquense, Racing de Ferrol, Racing de Santander, e Albacete ata recalar no Mallorca en 2018. A primeira edil destacou a súa “crecemento profesional destes anos, grazas ao traballo diario, o seu sacrificio e dedicación nun mundo onde non é fácil chegar onde chegou Dani, a quen estou segura aínda quedan moitos éxitos que conseguir”, indicou.

Por último, este ano outorgouse o “Garelos especial” a Cruz Vermella de Betanzos pola súa colaboración co Concello e polo traballo en distintos ámbitos: como o xuvenil, establecendo estratexias de acción cos mozos e mozas a través da educación, a participación e a intervención social con nenos e grupos xuvenís en dificultades ou risco social; en actuacións conxuntas co Concello para colaborar en dispositivos especiais, dentro da área de socorro e emerxencia; ou de formación co desenvolvemento de cursos sociosanitarios.

A alcaldesa, María Barral,  tamén destacou o seu labor en actividades de desenvolvemento de proxectos na área de emprego; as actuacións en inclusión social con apoio escolar;  axuda  a persoas máis vulnerables a través de programas de alimentos, hixiene infantil, ou dotación de material para o colexio ou as campañas de xoguetes en Nadal.

A entrega dos Garelos tivo lugar nun acto institucional que concidiu co primeiro día de festas patronais que este ano foron suspendidas pola Covid-19.