Betanzos suspendeu, por seguridade, a Feira do día 16 pola evolución da Covid-19

663
Tendo en conta a evolución da situación sanitaria, o Concello de Betanzos decidiu suspender a feira deste domingo, 16 de agosto, como medida de prevención ante a COVID-19.

 

O Concello decidiu suspender a feira do día 16. A decisión está baseada na situación xerada pola Covid-19. “Non se trata de alarmar, senón de ser responsable.

Cremos que na actual situación, vendo o que está a pasar, temos que ser prudentes e responsables. Evitar actividades que poidan xerar a presenza dun importante número de persoas, aínda que se cumpran os parámetros de seguridade, cremos que é o máis apropiado nestes momentos. Por responsabilidade e por prevención”, apunta o goberno local.

Ante esta situación, o goberno local considera que do mesmo xeito que fixo antes do estado de alarma, tomando decisións de peche de parques ou espazos públicos antes de que fose obrigatorio, neste caso tamén cre “necesario suspender unha actividade que leva aparellada a mobilidade que centos de persoas. Sabemos que esta decisión é un pau para moitos vendedores e que ten a súa afectación sobre a economía local, pero entendemos que é a decisión que temos que tomar nestes momentos”. Xunto á suspensión da feira, o goberno local anunciou o peche das instalacións deportivas exteriores. Como complemento ás medidas de prevención que veñen marcadas por administracións superiores, o Concello, pola súa banda, pechará as instalacións deportivas exteriores.

Ademais, reforzará o plan de desinfeccións. Seguimos traballando no programa de “limpeza e desinfección que, dadas as actuais circunstancias, reforzaremos de novo. Están a facerse traballos de madrugada que reforzaremos tamén durante o día ”, apuntan desde a área de Obras e Servizos. Desde o goberno local pídese tamén que “tendo en conta da situación en xeral” os veciños e veciñas extremen as medidas de distancia social, de hixiene e de uso de máscaras. “Temos que evitar que se produzan novos brotes, por tanto, desde o goberno local faise un chamamento para respectar as medidas de seguridade. Todos temos responsabilidade en iso”, sinala o goberno local.