O Concello homenaxea ás persoas que confeccionan, ano tras ano, un dos símbolos da cidade: o globo de Betanzos. Representantes da familia Pita xunto a outros integrantes que colaboran en que o Globo salga cada 16 de agosto foron recibidos pola alcaldesa, María Barral, hoxe domingo 16, no salón de Plenos para dedicarlle este ano no que a Covid-19 impedirá a elevación do aeróstato de papel máis grande do mundo “un máis que merecido homenaxe e recoñecemento ao labor desta familia e todos os voluntarios que colaboran para que cada ano Betanzos, os betanceiros e betanceiras sexamos testemuñas dun acontecemento único e un dos símbolos da nosa cidade como é o lanzamento do globo”, indicou esta a primeira edil.
Foi un acto sinxelo, con aforo limitado polo COVID-19, coincidindo co día de celebración de San Roque e día por tanto de lanzamento do Globo, coa firma no Libro de Ouro da cidade.

Ademais deste acto, que polas medidas de seguridade da Covid foi restrinxido, o Concello inaugurou o pasado día 14, unha exposición no Atrio de Santo Domingo na que se recollen en oito cubos imaxes dalgúns dos actos máis relevantes das festas patronais con especial dedicación ao Globo e a Os Caneiros. Na mostra poderase contemplar a historia destes dous eventos, os máis tradicionais das festas xunto á tradicional Función do Voto, así como fotografías antigas dos primeiros Caneiros e dos lanzamentos do Globo, mesturadas co último aeróstato de 2019 e as xiras do ano pasado.

A exposición recolle tamén as danzas gremiais así como os Xigantes e Cabezudos, que este ano se restauraron.
Os Caneiros
Por outra banda, o Concello lembrou que aínda que tanto o lanzamento do Globo como Os Caneiros están suspendidos como o resto de festas, manterase un dispositivo de seguridade formado por Policía Local e Garda Civil, en colaboración coa subdelegación do Goberno, tal e como se anunciou pola propia subdelegada, Pilar López Rioboo e a alcaldesa hai unhas semanas.
A suspensión das xiras por parte do Concello pola Covid-19 conlevará ao peche do campo e que tampouco se poña en marcha o dispositivo de seguridade nin no río nin en terra e, por tanto, non haxa presenza de sanitarios nin de Protección Civil nin Cruz Vermella.
Por esta razón, os corpos de seguridade velarán porque se tomen as medidas de seguridade establecidas nas normativas pola Covid 19. Así, na reunión do día 14 establecéronse dispositivos de Policía Local e da Garda Civil que estarán nos camiños de acceso ao campo de Os Caneiros. Os primeiros no termo municipal de Betanzos e os segundo en Coirós. Estes axentes advertirán ás persoas que, a pesar da suspensión dos xiras, desprácense camiñando ata Os Caneiros, que a parcela municipal permanecerá pechada e velarán polo cumprimento das normativas.
Polo río pasará o mesmo coa Garda Civil. Os integrantes das embarcacións tampouco poderán acceder á parcela municipal, pero si celebrar, se é o seu desexo, Os Caneiros no barco. Nese caso, a Benemérita fará controis sobre limitación de aforo en cada embarcación e documentación en regra.
Ademais, no propio Campo de Os Caneiros, que estará pechado en todos os seus accesos, haberá presenza da Garda Civil.
A decisión do Concello de non celebrar as xiras nin o lanzamento do Globo tómase por “razóns de seguridade pola Covid-19 e a imposibilidade de celebrar eventos que xeren aglomeracións ou concentracións de persoas. É unha decisión difícil, pero cremos que responsable porque a seguridade das persoas está por encima de calquera outra cuestión”.
De todos os xeitos, o Concello confía na responsabilidade da xente “que é consciente tamén, por todo o que está a pasar, que este tipo de eventos é imposible celebralos. Por responsabilidade e porque o máis importante é a saúde”