Betanzos facilitaralle a ampliación de terrazas aos hostaleiros e hostaleiras de forma “extraordinaria” nas zonas onde se dean condicións para facelo

672

O Concello estudará caso por caso a situación das terrazas de cada local de hostalaría para autorizar a ampliación da superficie e poder minimizar o impacto que suporá a Orde ministerial de redución nun 50% do número de mesas a partir do próximo día 11. O obxectivo é flexibilizar ao máximo esta medida e “axudar aos hostaleiros e hostaleiras” para que poidan aumentar a superficie de maneira “temporal e extraordinaria” e perdan o menor número de mesas posibles, tendo en conta da redución de capacidade que tamén terán os locais no seu interior.

A ampliación de superficie irá ligada á posibilidade de aumentar na mesma proporción o paso peonil, por iso é polo que “se estudará, caso por caso, xa que a Orde tamén é clara non só a marxe as distancias entre as mesas e a capacidade, senón tamén en respectar ao máximo o dereito dos peóns”. O goberno local explicou que nun momento como “o que nos atopamos hai que ser solidarios e facilitarlle, na medida do posible, a actividade económica, máis dun sector tan importante para Betanzos como o hostaleiro””.

Os servizos de Urbanismo serán os que autoricen a ampliación dun 25% da superficie que actualmente ten cada establecemento. No entanto, as características da zona, a súa localización, e que a ampliación non lle afecte, en ningún caso, ao paso peonil, e manter as distancias de seguridade esixidas nas normativas estatais, “marcarán se se pode ou non autorizar a ampliación”.

Xunto con esta medida, e outras axudas directas que o Concello prepara para a hostalaría, o comercio e as pequenas empresas, máis de redución de impostos, o goberno local anunciou tamén que a supresión do pagamento por terrazas á hostalaría, dentro do programa de accións de axuda á economía local.