Betanzos homenaxea a Martínez Santiso cunha sala na que se amosan os seus traballos máis destacados

312
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Betanzos, María Barral; do director do museo, Ángel Arcay; e do autor da exposición, Diego Martínez Sánchez, ademais de familiares.

O Museo das Mariñas conta desde agora cunha nova sala dedicada ao polifacético Francisco Javier Martínez Santiso, un espazo que pon en valor a súa relevancia na arte, cultura e educación entre finais do século XIX e comezos do XX.

Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou a súa figura “polifacética”, xa que foi profesor, impulsor dunha biblioteca, fotógrafo e docente de pintura. Subliñou tamén a importancia de recuperar o patrimonio betanceiro e dar a coñecer figuras clave do municipio.

Pola súa banda, Diego Martínez Sánchez explicou o intenso traballo de investigación, baseado en máis de 120 caixas de fondos documentais, co obxectivo de ofrecer unha visión representativa da súa traxectoria.

A sala organízase en seis vitrinas principais que percorren as súas distintas facetas. A primeira destaca a súa pertenza á Real Academia Galega e reúne algunhas das súas obras máis relevantes. A segunda céntrase no seu labor docente, mostrando a amplitude de materias que impartiu.

Unha das vitrinas máis chamativas é a dedicada á súa faceta como fotógrafo, onde se exhibe a súa cámara e imaxes históricas de Betanzos. A cuarta amosa o seu lado máis experimental, con fórmulas de licores e estudos sobre concellos galegos.

A quinta recolle a súa contribución como técnico artístico do Concello, participando no deseño de elementos como a fonte de Picachá. Finalmente, a sexta aborda a súa faceta como pintor e formador, pola que pasaron artistas como Olimpia Tourné ou Seijo Rubio.

A exposición complétase cun retrato, pinturas e cadros de xardíns, ofrecendo unha visión global dunha figura clave na historia cultural de Betanzos.