O Concello iniciou as obras de renovación da rúa López Datorre, na urbanización da Condesa, cun investimento de 157.000 euros, financiados entre a administración local e a Deputación Provincial. Os traballos responden á necesidade de actuar sobre unha vía que presentaba problemas no firme, beirarrúas, pasos de peóns e conexións con outras rúas, como a avenida Fraga Iribarne. Ademais, os pavimentos existentes eran desiguais debido a intervencións realizadas en distintas épocas, o que motivou a decisión de unificar criterios estéticos e funcionais a través deste novo proxecto, explicou a alcaldesa, María Barral.
Así, seguindo a liña de actuacións recentes como Venezuela ou Rúa do Rollo, o obxectivo é dotar a zona dunha imaxe homoxénea, moderna e accesible, mellorando ao mesmo tempo a calidade das instalacións urbanas. Entre as principais actuacións previstas destaca a renovación integral das beirarrúas, que serán ampliadas e adaptadas para mellorar a accesibilidade, incluíndo novos pasos de peóns máis seguros e eliminando barreiras arquitectónicas. Así mesmo, reorganizaranse os espazos de aparcadoiro e optimizaranse os encontros entre rúas.
No ámbito das infraestruturas, o proxecto contempla a substitución da antiga rede de abastecemento de auga potable, con acometidas renovadas a cada edificación. Tamén se procederá á renovación completa da rede de saneamento e recollida de augas pluviais, pasando a un sistema separativo máis eficiente. Esta actuación incluirá a instalación de novas canalizacións, pozos de rexistro e conexións ás edificacións.
O firme da calzada será renovado na súa totalidade, incorporando un novo sistema de drenaxe e recollida de augas. Do mesmo xeito, actualizarase a sinalización horizontal e vertical, o mobiliario urbano —incluíndo papeleiras e bolardos— e mellorarase o alumeado público mediante a reubicación dos puntos de luz.
As obras tamén contemplan a mellora do deseño viario, coa elevación do pavimento da calzada para reducir os desniveis coas beirarrúas, eliminando ramplas innecesarias e facilitando o acceso a garaxes.
Esta actuación forma parte dun conxunto de proxectos que se están executando ou que se levarán a cabo no barrio, como a mellora de parques infantís, da praza Enrique Riego ou a creación dunha nova área recreativa, co obxectivo de modernizar e revitalizar a urbanización da Condesa.











