Betanzos acaba de incorporarse a Eixo Atlántico, a asociación de concellos transfronteirizos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que promove iniciativas que fomenten o desenvolvemento a través da cooperación transfronteiriza.
Con este obxectivo leva a cabo un dobre labor: programas concretos para o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e accións en defensa dos intereses das cidades que representa ante os gobernos rexionais, nacionais e a Unión Europea.
A alcaldesa, María Barral, asistiu esta semana á asemblea da entidade na que se aprobou a incorporación de Betanzos que formará parte dunha asociación que conta nestes momentos con 40 membros, 38 concellos e dúas deputacións (Ourense e Lugo).
Na reunión, celebrada en Viana do Castelo, aprobouse tamén o orzamento de 5.090.000 € para 2025, así como as contas e o informe de xestión correspondentes ao exercicio.
A primeira edil destacou a incorporación de Betanzos a unha asociación que xoga un papel tan relevante en ámbitos tan importantes para o municipio como o desenvolvemento económico, o turismo, a mobilidade, a cultura ou a sustentabilidade.
Considera que formar parte da entidade permitirá e axudará “a acceder a novos proxectos europeos e a participar activamente en redes de colaboración e estratexias conxuntas que, sen dúbida, favorecerán o noso crecemento e competitividade como municipio”.










