A Policía Local identificou a catro veciños de Betanzos aos que se lles imputan varios presuntos delitos contra a seguridade do tráfico, ao conducir de forma temeraria, outro delito de utilización ilexítima de vehículo de motor, e un terceiro de roubo con forza, polo roubo de baterías de embarcacións.
Os feitos ocorreron o pasado día 14 deste mes sobre as 23.15 horas cando a Policía Local recibiu unha chamada telefónica dun veciño indicando que varios mozos camiñaban pola praza Enrique IV portando diversas baterías de embarcacións.
Patrullando a zona, os efectivos da Policía Local non chegaron a localizar aos mozos, pero si un vehículo estacionado no Paseo da Tolerancia que, tras consultar a base de datos, carecía de seguro obrigatorio e sen ITV desde facía 15 anos, tempo no que falecera o seu propietario.
A Policía Local decide proceder á súa inmobilización, trasladándose para iso ata o depósito municipal para recoller un cepo. Cando regresan, observan como o vehículo circula á altura da praza García Irmáns, saíndo desde rúa Ánxeles con catro novos no seu interior. O condutor, ao observar a presenza da Policía Local acelera bruscamente e dáse á fuga, a pesar dos sinais luminosos da policía que lle ordenaban deterse. Nesa fuga, a gran velocidade, adianta indebidamente a un turismo en Linares Rivas, ao que golpea, e mesmo circula por encima da beirarrúa en cálea Rolo para esquivar outro turismo que interrompía a súa marcha. Continua por Pintor Seijo Rubio e Alexandre Bóveda, en dirección prohibida, con perigo para condutores e peóns cos que se vai atopando. A patrulla consegue interceptalos na rotonda de Rosalía de Castro. Nese lugar, os ocupantes, todos eles, veciños de Betanzos, vellos coñecidos da Policía Local, abandonan o vehículo. No seu maleteiro localízanse 6 baterías que presuntamente subtraeron e que a día de hoxe xa foron identificadas polos seus propietarios.
Os catro foron identificados pola Policía Local. Ao condutor impútanselle presuntos delitos contra a seguridade do tráfico ao conducir de forma temeraria, outro delito de utilización ilexítima de vehículo de motor, e un terceiro de roubo con forza. Aos outros tres ocupantes impútaselles un delito de roubo con forza.O condutor ten, ademais, retirado temporalmente por vía administrativa o permiso de conducir.
Dáse a circunstancia de que esta mesma persoa, o condutor, ten ocupada ilegalmente a vivenda do propietario do vehículo, falecido hai 15 anos. O turismo estaba estacionado no garaxe da devandita vivenda.
A Garda Civil de Betanzos continúa as indagacións por se puidesen estar implicados noutros delitos, tanto en Betanzos como noutras localidades da comarca.










