O Concello aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de febreiro,os orzamentos municipais para 2021, uns orzamentos marcados polo ámbito social, con redución de partidas noutros sectores para fortalecer os programas de carácter social e de axudas a colectivos que a crise da Covid está afectando de maneira directa. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, quen indicou que o ámbito social xunto a recuperación do patrimonio e a mellora dos equipamentos públicos serán os tres eixes dun orzamento que non esquece tampouco á cultura, o deporte e a educación.
O orzamento desde ano ascende a 10.734.874,63 euros, un 12,77% máis que o do ano 2020, en concreto 1.215.889,22 máis.
Unha das partidas que máis se incrementan é a de investimentos nun 86,77%, con relación ao 2020.
Neste capítulo resérvanse máis de dous millóns de euros para actuacións tanto na zona urbana como la zona rural. Neste capítulo inclúense as seguintes obras que contan con financiamento afectado de distintas administracións e achega municipal: mellora da urbanización e servizos na rúa Cascas e urbanización Río Sol; Mellora da urbanización e servizos na rúa Santa María; pavimentacións nas parroquias Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián; pavimentación e seguridade en camiños en Castro, Montellos, O Farragoto e A Graña; conservación e restauración do Estanque do Retiro no Pasatempo; renovación de semáforos no centro urbano.
Tamén se inclúe a achega municipal de renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior, a reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a Ponte do Carregal, a renovación da rede de saneamento e pluviais no camiño da estación e a mellora do sistema de abastecemento de Betanzos.
O orzamento destina tamén máis de catro millóns para cubrir os gastos de persoal e outros 787.260,98 euros para, entre outras cousas, manter subvencións que se consideran prioritarias, para o Consorcio das Mariñas, o Transporte Metropolitano, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o programa Xantar na Casa, as cotas destinadas á Fegamp, novas liñas de subvención, as contías que a Xunta de Galicia está a reter do Fondo de Cooperación Local pola Escola Infantil e a achega á Fundación Globo de Betanzos que ten como principais obxectivos conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita Pandelo. Aparecen recollidas tamén as axudas para distintas entidades sociais, culturais e deportivas.
Por outra banda tamén se incrementará o capítulo de gasto corrente e de servizos que ascenden a 3.474.000 euros. Trátase de atender aos gastos necesarios de funcionamento da entidade, e de garantir as obrigas derivadas dos contratos acordados polo Concello. Tendo en conta a situación de pandemia consígnase fondos para paliar os efectos desta sobre a veciñanza, tanto dende o punto de vista hixiénico e de protección como dende o punto de vista social. Neste exercicio mantense o derivado da contratación do servizo de axuda no fogar así como as aplicacións orzamentarias recollidas para poder prestarlle os servizos públicos esenciais á nosa veciñanza. Na liña do exercicio anterior, sen esquecernos das accións dirixidas a continuar coa promoción cultural, turística e especialmente do comercio do noso municipio, tendo en conta as limitacións derivadas da pandemia da Covid-19 que se poidan dar. Non obstante, espérase conseguir un control do gasto mediante a aplicación de medidas como: a licitación por procedemento aberto de servizos e pola petición de varias ofertas na tramitación dos contratos menores.
A área de gasto de actuacións de protección e promoción social inclúese a achega necesaria para continuar cos programas do servizo de transporte adaptado, actividades dirixidas a axudar no marco da drogodependencia. E, por suposto, mantense e refórzase o servizo de axuda no fogar e increméntase o gasto mediante a inclusión do Plan POS+ adicional para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2021. En materia de educación inclúese crédito dirixido a mantementos do CEIP Vales Villamarín e a aplicación necesaria para o servizo de comedor da Escola Infantil Municipal e continuar coa xestión do comedor do Vales Villamarín. Inclúense partidas dirixidas para a promoción cultural, apoiando ao sector e organizando actos seguros para o goce da nosa veciñanza.
Trataranse de levar a cabo actuacións dirixidas a apoiar e a promocionar aos autónomos e autónomas e ás pequenas empresas que conforman o noso comercio local e distintas iniciativas para a promoción empresarial.