Betanzos pechou as súas festas de San Roque coa II xira de Os Caneiros e a orquestra París de Noia

343

Betanzos puxo o pasado xoves, día 25, o punto e final ás Festas de San Roque 2022 coa II xira fluvial de Os Caneiros e a actuación da orquestra ‘París de Noia’.

Para este fin festa levou a cabo un reforzo dos dispositivos de seguridade. Mantendo o plan previsto en Os Caneiros e reforzando a vixilancia de Policía Local; Protección Civil, que duplicou efectivos con presenza de voluntarios doutras agrupacións da comarca. Tamén se sumou a Garda Civil para velar que todo transcorra con normalidade.

En canto á romaría de Os Caneiros, as embarcacións comezaron a navegar polo Mandeo cara ás doce do mediodía tras o lanzamento de 21 bombas de ordenanza. Animaron o comezo da xornada as charangas “NBA” e “DXT”. Xa no campo de Os Caneiros houbo animación musical e tamén estivo a propia Charanga” NBA” amenizando a romaría.

A partir das 17:00 horas, tivo lugar a saída da embarcación municipal na que viaxaron representantes das diferentes asociacións betanceiras. Partiron ás cinco da tarde desde o Paseo da Tolerancia para regresar sobre as once.

Sobre as 23:00 h, de regreso a Os Canerios, foi ofrecida na Ponte Vella unha sesión de fogos artificiais de carácter tanto acuático como aéreo.

O dispositivo especial de seguridade estivo composto por máis dun centenar de persoas entre voluntarios de Protección Civil de Betanzos e diversos concellos da comarca, Cruz Vermella, Policía Local, Garda Civil e persoal dos servizos municipais. Ademais da postos base de urxencias que se estableceron no paseo da Tolerancia e no campo de Os Caneiros, varias zodiacs de Protección Civil percorreron o río en labores de vixilancia. Controlouse, de forma especial, a venda de bebidas alcohólicas a menores e prohibiuse a navegación polo río de motos acuáticas, contra as que tamén se exercerá un control rigoroso.

O Concello volveu insistir en distintas mensaxes “de concienciación” para conservar a tradición. A alcaldesa, María Barral Varela, fixo un chamamento aos participantes para que se volvese a repetir o respecto e a harmonía vivida durante a xornada da pasada semana”.

Valorou as achegas que neste sentido están a facer distintos colectivos de Betanzos e a mensaxe unánime en defensa da festa tradicional e de respecto á propia romaría avalado por todos os grupos políticos municipais.

Nesa liña de concienciación, o Concello volveu repartir un díptico no que se reproduciu un texto asinado polos grupos políticos con representación municipal e as medidas de seguridade que deben tomarse para participar na xira, especialmente, para os que o fixeron a través de embarcacións.

Orquestra París de Noia

O Broche final correu a cargo da orquestra ‘París de Noia’ que foi a encargada de amenizar o resto da noite na praza dos Irmáns García Naveira.