A alcaldesa, María Barral, pedirá unha nova reunión coa directora de Mobilidade da Xunta, Judit Fontela, tras recibir de novo queixas das persoas usuarias do transporte público, especialmente das que se desprazan desde Betanzos á Coruña.
Queixas, explicou, que se centran en varios colectivos, pero especialmente do alumnado que se dirixe á universidade e de persoas maiores que teñen consultas médicas o teñen que desprazarse á capital herculina para facer xestións con cita previa. “Segue existindo unha desinformación constante do autobús, do horario, de se pasou ou non pasou…”. Ademais, advirte de que moitas frecuencias van ao tope e que “hai persoas que non poden subir ao bus”.
María Barral indicou que nos últimos meses houbo denuncias de usuarios e usuarias e do propio Concello, que foron trasladadas á Dirección Xeral pero que aínda non foron atendidas. “Son problemas que desde o cambio de concesión do transporte se manteñen no tempo e que en determinadas épocas do ano, como agora, coa volta ás aulas, á universidade e ao traballo, se repiten. O servizo é moito peor do que hai uns anos, antes desta última concesión. E, sobre todo a primeira hora da mañá, os autobuses chegan a Betanzos case cheos e é moi habitual que quede xente na parada sen poder subir a eles para acudir aos seus postos de traballo ou á universidade”.
Reiterou que existe un problema de falta de información, “xa trasladado á Dirección Xeral de Mobilidade e que imos reiterar unha vez máis”, e é a xente que “non sabe a que hora vai haber autobús, non sabe se vai poder chegar a unha cita médica, o que obriga a recorrer ao taxi; especialmente xente maior que non se manexa con Internet e que non é quen de saber a ciencia certa a que hora vai haber autobús e se vai ter cabida nel. E iso non pode ser”.
Barral considera que en pleno 2025 estas situacións “non poden darse. A Xunta comprometeuse xa hai tempo a dar transparencia a eses horarios. Eu non reclamo que haxa as mesmas frecuencias que había antano, que tiñamos un autobús cada media hora. É posible que iso non sexa operativo, pero polo menos saber con exactitude que autobuses hai e en que horario, iso é o mínimo”.
Lembrou que existe un compromiso da Xunta “de poñer unha pantalla luminosa informativa, polo menos na parada principal, sobre os horarios dos autobuses e o tempo de espera de chegada. Ata agora seguimos sen ela e iso é o que reivindicarei unha vez máis ante a Dirección Xeral de Mobilidade; iso e que é necesario aumentar as frecuencias a primeira hora da mañá”.










