Betanzos pon en marcha unha nova campaña de apoio a comerciantes, hostaleiros e profesionais repartindo 6.000 euros en tarxetas regalo

431

Betanzos iniciará en febreiro unha nova acción de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro. Dentro do programa de apoio a estes sectores, o Concello iniciará en febreiro unha campaña de apoio directo para impulsar que “os betanceiros e betanceiras  compremos e gastemos en Betanzos durante as rebaixas, poñendo en valor o noso”.

Unha campaña, acordada coas asociacións de comercio e hostalería desenvolverase desde febreiro, coincidindo coa época de rebaixas, ata abril, baixo o lema “Merca, tan cerca”, en liña co slogan Betanzos tan cerca, que desde hai anos acompaña as accións promocionais da cidade.

A campaña poñerá en circulación 6.000 euros para incentivar as compras nos establecementos betanceiros. Por cada compra igual ou superior aos 10 euros que se realice entre o 4 e o 28 de febreiro en cada un dos establecementos asociados á campaña, recibirase un boleto que entrará no sorteo, que se realizará a principios de de marzo, de tarxetas bancarias moedeiro que terán varios importes.

Do mesmo xeito que o sorteo de lotería nacional, sortearase un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 200 euros e cinco de 100 euros, ademais doutras 150 tarxetas regalo cada unha delas cargadas con 30 euros.

Os agraciados poderán gastar estas tarxetas ata o 30 de abril de 2023 en calquera dos establecementos asociados á campaña. Desta forma, no sector comercial e hostaleiro, potenciarase  a compra no período de rebaixas e incentivarase tamén os dous meses seguintes ao mesmo.

Os establecementos participantes, xa sexa comercio, hostalería ou outro tipo de actividade, terán un distintivo da campaña para que os consumidores saiban onde poden conseguir tanto os boletos para participar no sorteo das tarxetas, como onde gastar o diñeiro desas tarxetas moedeiro que poderán utilizar nunha soa compra ou en cantas desexen ata consumir o premio que conteñan.

A alcaldesa, María Barral, xunto á concelleira de Comercio, Ánxeles Veiga, presentou esta iniciativa coa que “desde o Concello queremos seguir axudando ao tecido comercial, hostaleiro e, en xeral, aos profesionais de Betanzos nun momento difícil e complicado para a economía en xeral”.

A campaña foi acordada coas dúas asociacións de comerciantes, tanto a Acebe como a Chescasco, aínda que “ao estar impulsada desde o Concello está aberta á participación de todo aquel profesional que teña a súa actividade nun local de Betanzos. Falamos de profesionais do taxi, de gasolineiras, xestorías, panaderías, clínicas, etc”.

Para iso, como requisito indispensable terán que permitir o pago a través dun TPV e inscribirse nun formulario que estará dispoñible na web do Concello novas.betanzos.gal a partir do día 16 de xaneiro.

Terán de prazo máximo para inscribirse ata o 25 deste mes.

A campaña comezará oficialmente o 4 de febreiro.