Betanzos presenta na caseta de España a súa campaña de promoción turística 2025, centrada no Globo de San Roque e o seu 150 aniversario. 

579
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, na presentación da campaña promocional de Betanzos para 2025 en FITUR
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, presentou o pasado xoves 23 de xaneiro en Turespaña, na caseta oficial da Secretaria de Estado de Turismo, a campaña promocional de Betanzos para 2025 coincidindo coa celebración de Fitur.

 

A primeira edil, ademais de agradecer ao Gobierno que permitise “poñer voz a Betanzos na caseta de España”, presentou o vídeo promocional da campaña, centrada no 150 aniversario do Globo de San Roque, o aeróstato de papel máis grande do mundo.

 

A alcaldesa anunciou diversas actividades “extraordinarias” ao longo do ano vinculadas ao Globo e que desenvolverán por unha banda o Concello e por outro a Fundación Globo de San Roque, da que como alcaldesa tamén é presidenta.

 

Barral destacou a importancia que sector turístico para a cidade e todo o que “Betanzos ofrece, que é moito”. De feito, destacou a posición e o referente no que se converteu Betanzos como cidade máis visita da provincia por detrás de Santiago e A Coruña.

 

Na súa intervención fixo un percorrido polo que é Betanzos. E é que Betanzos, “sempre o dicimos, ten moito que ofrecer e por iso, ano tras ano,  sempre temos algo único para celebrar, para mostrar, orgullo do noso pobo e  atractivo para as miles de persoas que nos elixen como destino turístico”, indicou.

 

Lembrou que o pasado ano a promoción turística estivo centrada na Feira medieval, que cumpría 25 anos, e este ano o protagonista é, sen ningunha dúbida, “un dos os nosos emblemas, un dos nosos referentes como cidade, como pobo; un dos nosos símbolos máis internacionais: o Globo de papel máis grande do mundo, o noso Globo de San Roque, que está de aniversario e que este ano celebrará, nin máis nin menos, o seu 150 aniversario”.

 

Barral indicou que é moi difícil trasladar “o que o Globo de Betanzos significa para un betanceiro, para unha betanceira. Felicidade, emoción, alegría, gratitude, esperanza… ORGULLO de vivir e ter algo único; un cúmulo de sentimentos, dificilmente explicables,  que experimentamos os betanceiros e betanceiras durante o lanzamento e elevación dese xigante de papel de 25 metros de alto por 50 de circunferencia cada 16 de agosto na praza principal de Betanzos, a García Naveira.

 

É como o encontro con alguén próximo a quen levo un ano sen ver; o encontro cun ser que nos acompañou toda a nosa vida durante as festas; é a ilusión de nenos; é o reencontro coa familia, os que están e os que, desgracidamente, xa non están pero que ese día, cada 16 de agosto, volven estar presentes durante o Globo. É un símbolo da nosa historia, de xeracións de betanceiros e betanceiras. Do presente e do futuro”.

 

María Barral explicou que “Betanzos encarna historia, con rúas cheas de vida que nos trasladan a tempo pasados; cun centro histórico declarado ben de interese cultural, que é á súa vez capital do gótico galego coas igrexas de Santiago, San Francisco e Santa María; e que está en plena transformación”.

 

Barral presentou o vídeo promocional no que, en primeira persoa, o Globo vai facendo un percorrido pola cidade, recollendo todo o que é e ofrece Betanzos: Pasatempo, co primeiro parque enciclopédico da historia, agora en fase de reconstrución; festa, con tres celebracións declaradas de interese turístico: as patronais de agosto; a feira medieval e a Semana Santa; tradición coas danzas medievais de Xastres, mariñeiros, labradores e zapateiros sendo os únicos en Galicia en poder ofrecelas, como tamén poder contar coa Farmacia e o Cine, en funcionamento, máis antigos de España; é natureza, con dous ríos que bordean a cidade, como o Mendo e Mandeo, protagonista dunha das romarías centenarias de Galicia como Os Caneiros; é cultura, cunha oferta que se estende durante todo o ano, con música, teatro, cinema… con certames únicos como a Semana de Cine ou o de Balconadas, onde obras de artes colgan dos balcóns do centro histórico configurando un auténtico museo ao aire libre; e como non, Betanzos é comercio, con ese comercio próximo e tradicional; e gastronomía, coa mellor tortilla do mundo”.

A alcaldesa concluíu convidando a gozar de Betanzos, das nosas tradicións, a compartir os nosos sentimentos, a gozar  de todo o que Betanzos ofrece, convídolles a visitarnos, a vivir Betanzos.