Betanzos entregou o pasado sábado 25 de xaneiro en Madrid, a primeira distinción de “Local embaixador da tortilla de Betanzos”.
Con este recoñecemento, o Concello dá un paso máis na promoción do seu produto estrela gastronómico para, neste caso, distinguir a aqueles establecementos con orixe ou non betanceiro que se atopan fóra da cidade e nos que na súa traxectoria destacou a tortilla de Betanzos, esa tortilla, como lembrou a alcaldesa, María Barral, feita a base de catro ingredientes: ovos, patacas, sal e aceite de oliva.
A primeira edil destacou o recoñecemento que ten márca “Tortilla de Betanzos”, un recoñecemento ao que se chegou polo traballo incansable durante estes últimos anos do Concello na promoción da tortilla e dos hostaleiros betanceiros que co seu traballo e esforzo posicionaron o produto no máis alto.
“Tortilla de Betanzos converteuse nun reclamo turístico da nosa cidade; está presente en centos de establecementos hostaleiros de toda España e converteuse nun referente permanente nos medios de comunicación”.
Xunto a ese traballo, houbo tamén outros establecementos hostaleiros, de prestixio, que levan anos coa tortilla de Betanzos formando parte da súa carta, “o que sen dúbida, elevou aínda máis o prestixio dun produto humilde ata convertido en extraordinario. A eles o Concello quere agradecer precisamente ese labor, ese traballo por defender e promocionar a tortilla de Betanzos ao longo de toda unha traxectoria profesional”, indicou María Barral.
“Cremos que esas persoas que ligaron boa parte da súa vida profesional á Tortilla de Betanzos, contribuíndo así a consolidar a marca e ademais levar o nome da nosa cidade alí onde estaban presentes, merecen tamén un recoñecemento e agradecemento por parte do Concello e por extensión dos betanceiros e betanceiras nomeándoos EMBAIXADORES oficiais da nosa tortilla”, indicou.
Barral explicou que se trata dunha “distinción humilde, pero coa que queremos recoñecer ese labor fóra de Betanzos. Ese traballo incansable polo bo produto”. É certo que hai moitos restaurantes que hoxe en día teñen na súa carta a Tortilla de Betanzos, pero non hai ningún, e por iso o Concello quixo empezar este recoñecemento, “que encarne mellor que ninguén todo o que buscamos con esta distinción: traxectoria, dedicación, e respecto polo produto, levando, neste caso o nome de Betanzos por todo o mundo” como A Penela con Marujita Barallobre, a súa fundadora e alma mater, e a súa familia, á cabeza.

A alcaldesa no propio restaurante da capital de España, un distintivo de embaixador da tortilla co que pretende agradecer e recoñecer a traxectoria deste grupo de restaurantes, que comezou alá por 1989, con presenza en Galicia e Madrid ademais doutras capitais do mundo.
A primeira edil indicou que despois da Penela, “un dos buques insignia da tortilla de Betanzos”, ese recoñecemento estenderase a outros restaurantes que destaquen pola súa traxectoria e a importancia da tortilla de Betanzos na súa carta e o recoñecemento alcanzado con este produto gastronómico tan extraordinario.
Ademais de local embaixador, o Concello tamén distinguirá a personalidades que destaquen polo seu defensa e promoción da tortilla de Betanzos. “Hai moita xente, coñecida, que moitas veces destaca e fala da tortilla de Betanzos, non só nunha ocasión, senón cada vez que pode. Personalidades do mundo do deporte, a cultura, o xornalismo, a política, rostros coñecidos que axudan a esa promoción de marca de Tortilla de Betanzos e para quen tamén queremos ter un recoñecemento facéndoos embaixadores ou embaixadoras da mellor tortilla do mundo.










