Betanzos proxecta a creación dun parque temático infantil sobre o Pasatempo como complemento á súa recuperación

302
Converterá figuras representativas da parte histórica en xogos infantís interactivos

Un parque temático vinculado á historia do Pasatempo e dirixido aos máis pequenos e pequenas. Baixo ese prisma, o Concello pretende converter o actual parque infantil do Pasatempo “nunha área de xogos única, onde o protagonista sexa o Pasatempo e a súa historia, con xogos baseados nesa historia e ese parque enciclopédico único en Galicia. En definitiva, recrear un parque infantil que sexa, tamén, un parque enciclopédico, un parque temático e educativo, con distintos elementos do parque do Pasatempo”, explicou a alcaldesa, María Barral.

Trátase dun proxecto que se incluirá nun dos plans de actuacións turísticas que se presentarán aos Next Generation, no que o Concello leva traballando “tempo en paralelo á recuperación da parte histórica”. O Concello considera que a creación deste parque temático “non só será unha área de desfrute para os nenos e as nenas de Betanzos senón tamén como polo de atracción para visitar o parque do Pasatempo e como complemento ao programa de visitas que pretendemos desenvolver”.

A primeira edil presentou o proxecto que ten varios obxectivos:

  • Ser promotor da historia do parque utilizando elementos temáticos que recrean diferentes ambientes e espazos icónicos do parque do Pasatempo. Por exemplo, o mural cos camelos, o mural con cunchas e animais mariños, o estanque do retiro, as cavernas, a Boca de Hades, a muralla chinesa, a árbore  do capital,  a parede de reloxos e a gran estatua do león.
  • Ser educativo e didáctico xa que constituirá un espazo privilexiado para os programas culturais, escolares e experiencias que poderían definirse como ‘edutainment’. Dará a coñecer  non só a historia do parque do Pasatempo senón tamén ensinará temas relacionados con diferentes culturas, fauna, flora, costumes, apoiado nunha aprendizaxe informal ou aprendizaxe in situ.
  • Ser inclusivo porque un parque inclusivo é necesariamente un espazo para todas as idades, multixeneracional e accesible a todo tipo de persoas usuarias. Un parque infantil inclusivo ademais de boas condicións de accesibilidade, debe proporcionar a través dos seus equipamentos, tanto de forma global como individual, estímulos aos seus usuario e usuarias, independentemente das súas capacidades físicas ou motoras, cognitivas ou sociais. Ofrecerá os cinco estímulos esenciais para cada persoa usuaria, estímulos físicos, sociais, sensoriais, cognitivos e da comunicación.
  • Ser interactivo xa que a forma en que os nenos e as nenas xogan hoxe en día é moi diferente á de hai uns anos. É sumamente importante poder ofrecer algún contido interactivo, moderno e de acción-reacción, atractivo para a infancia e a mocidade de hoxe. Ademais dalgúns xogos interactivos, a través de varios puntos de audiodescrición, as persoas usuarias poderán acceder a información moi relevante sobre o parque do Pasatempo, sobre a súa historia e importancia para Betanzos e o mundo. Poderán escoitar a historia do Pasatempo, os sons do mar, os sons de animais e mesmo cheirar algúns aromas a través de sistemas dinámicos interactivos.

  • Ser único mediante a instalación de equipamentos orixinais, personalizados, tematizados alusivos ao parque enciclopédico do Pasatempo, nunca visto en ningún outro parque infantil.
  • Ser sustentable coa instalación de produtos de alta calidade, con materiais de alta durabilidade e baixos requirimentos de mantemento.

O proxecto recolle cinco áreas de xogos e cada unha contará cun tema específico relacionado co Pasatempo. Na entrada ao parque, un dispositivo interactivo en forma tridimensional do creador do parque Pasatempo, Juan García Naveira, daralle a benvida ás persoas visitantes. A pequena reprodución de Juan Naveira será tamén un equipo de audiodescrición, que permitirá o acceso á información a persoas invidentes ou con baixa visión.

Unha das áreas será tematizada co emblemático Estanque do Retiro, coa representación do estanque do Retiro e do seu fornelo, inclusivo e interactivo,  e un punto de información interactivo.

Outra zona do parque infantil estará dedicada ao deserto e recreará a contorna e algúns dos personaxes da parede alusivos á pirámide de Keops e de representación de membros da familia do creador do Pasatempo “Viaxe por Exipto 1910”.

Nesta zona haberá elementos como un dromedario, un tobogán tubular, tamén cun elemento interactivo operado por enerxía cinética, que ao virar unha roda liberará contidos de audio como o son dos animais ou o vento do deserto; mais tamén unha randeeira en forma de tres palmeiras e dous asentos “niño de paxaro” incluídos, que son accesibles para usuarios e usuarias con cadeiras de rodas. Tres figuras de personaxes con roupa típica do deserto/Exipto, que aluden á parede coa viaxe ao Exipto. Dous bancos con xardineira en forma de dromedarios con outro  punto de información interactivo.

A área máis grande do parque infantil dividirase en dúas partes. A contorna da gran muralla chinesa e a “Boca de Hades”.  Nesta zona representaranse as estalactitas e estalagmitas das cavernas orixinais, a árbore xenealóxica do capital, as imaxes dos reloxos e unha alusión aos xardíns do parque do Pasatempo.

Outra zona do parque infantil estará tematizada arredor do mar, o mergullo e as cunchas, en alusión á zona do mergullador, e da zona central do muro con mosaicos de cunchas, moluscos e diversos alto relevos.

A última área ten como tema a estatua do xigantesco león que domina todo o parque.