Betanzos reclámalle á Deputación a construción dunha senda peonil que mellore a seguridade viaria en Piadela e Viladesuso

197
A alcaldesa, María Barral, xunto co deputado provincial Bernardo Fernández e o concelleiro de Obras, Diego Fernández, visitaron a zona.

O Concello dirixiuse á Deputación para solicitar a mellora da estrada provincial que une Guísamo con Guiliade, en concreto, nos núcleos de Piadela e Viladesuso. A solicitude inclúe a construción dunha senda peonil que mellore a seguridade viaria en varios  tramos desta vía.

A alcaldesa, María Barral, xunto co deputado provincial Bernardo Fernández e o concelleiro de Obras, Diego Fernández, visitaron a zona para valorar os tramos nos que se podería executar a construción desta senda peonil. Trátase dunha antiga reivindicación da veciñanza da parroquia de Piadela, apoiada polo goberno local, e que agora, segundo o propio deputado provincial, será atendida pola Deputación que se comprometeu a redactar de forma inmediata o proxecto.

A primeira edil lembrou que a mellora da esta vía xunto coa estrada autonómica que une Betanzos con Abegondo á altura de Guiliade e Infesta son os tramos nos que é necesario actuar desde as distintas administracións para mellorar a seguridade viaria e atender demandas nas “que coincidimos desde hai anos tanto a veciñanza como o Concello”.

O concelleiro de Obras, Diego Fernández, anunciou, ademais,  que xunto con esta actuación que realizará a Deputación, o Concello continuará durante as próximas semanas o programa de mellora de viarias municipais coa execución dos camiños da Veiga e Caraña.

Súmanse ao plan viario municipal no que se investiu nos últimos anos máis de 1,2 millóns de euros na pavimentación e sinalización de máis de 28 quilómetros de viarios municipais.