O Concello reclamou á empresa adxudicataria das obras da rúa Castelao unha nova execución das obras de aglomerado e pavimentación desta vía despois de que o resultado dos traballos realizados non sexa o máis apropiado desde o punto de vista técnico.
As obras serán executadas nos próximos días e conlevarán un atraso en canto á súa finalización, aínda que, a empresa comprometeuse co Concello a que a partir do día 20 os veciños xa poidan ter acceso aos seus garaxes, aínda que o tráfico non estea aberto na rúa.
O Concello trasladou á empresa o seu malestar polos inconvenientes que este atraso vai carrexar. “Temos que esixir á adxudicataria que os traballos queden nas mellores condicións, algo que, segundo os técnicos, da forma na que se executou esta última fase de pavimentación, non se dá”, indica a concellería de Obras.
A vía acumula atraso por tres circunstancias. Os traballos iniciáronse en marzo pero tiveron que ser interrompidos durante o confinamento. Despois, reiniciáronse, pero tras as peticións dos veciños polas molestias que causaban os ruídos durante as primeiras fases do confinamento, paralizáronse aos poucos días de empezar. Unha vez reiniciáronse as obras, cuxo período de execución son catro meses, apareceu un muro nun tramo da rúa no que non se ía a actuar xa que non estaba no ámbito do proxecto.
Mentres que se executaron as primeiras actuacións na rúa encargouse a redacción dun proxecto urxente para a consolidación do muro situado. Sen arranxar este muro era inviable a mellora da rúa debido a que o peso da maquinaria que se utilizaba podería facer que o muro viñese abaixo. Esa foi outra das razóns polos que se paralizaron os traballos ata que se adxudicaron de forma urxente as obras de consolidación do muro, que se reforzou cun dique de pedra. Agora, unha vez concluídas, executarase a última fase de mellora co aglomerado.
O investimento ascendeu a 146.457 euros con cargo do POS + 2019 da Deputación Provincial. Este proxecto uniuse a outros executados nas rúas Pintor Seijo Rubio, Tomás Dapena, Alcalde Beccaría e rúa Venezuela. O obxectivo das obras era mellorar o pavimento de calzada e a sinalización da rúa. Tras a nova pavimentación, realizarase a sinalización horizontal e vertical e o pintado das liñas centrais e de bordo de calzada, e outras marcas transversais, aparcamentos, cedas, STOP, frechas, etc.