Betanzos recorre a seguridade privada para vixiar os accesos á praza Pepito Arriola durante a noite do sábado ao domingo e evitar o reiterativo botellón

196
Praza Pepito Arriola

O Concello recorreu esta fin de semana a seguridade privada para vixiar os accesos á praza Pepito Arriola durante a noite do sábado ao domingo e evitar así actos de botellón que durante as últimas semanas viñan repetindo unha e outra vez.

A medida foi tomada despois de manter unha reunión coa comunidade de propietarios na que se analizou a situación que viven os veciños na praza, situada nas inmediacións da zona de “movida”.

Trátase dunha praza de uso público na que viñeron repetindo de forma sucesiva distintas actos vandálicos, incumprindo a ordenanza de ruídos e limpeza. Ante a imposibilidade de que a Policía Local puidese estar presente na zona durante tempo prolongado, ao ter que atender outras incidencias da fin de semana, e a limitación de presenza da Garda Civil, o Concello decidiu contratar seguridade privada, limitando os accesos á praza durante a noite do sábado, en coordinación cos corpos e forzas de seguridade.

O goberno local lamenta que “se teñan que tomar este tipo de medidas” pero é necesario respectar aos residentes na zona e nestes momentos “é imposible poder manter efectivos da policía local de forma permanente na praza, polo que seguiremos esta colaboración para garantir o descanso dos veciños”.