Betanzos repite a campaña de concienciación para evitar os excrementos de animais na rúa

317
“Nos tamén sentimos vergoña”. Esa lema e un debuxo dun can de fondo é o que Betanzos volve utilizar nunha nova campaña para concienciar ás persoas propietarias de cans das súas obrigas.
É unha campaña que Betanzos xa realizou hai uns anos e que agora “vemos necesario repetir, utilizando a mesma imaxe que tiñamos e pola que nos preguntaron outros concellos”, explica o concelleiro de Servizos, Andrés Hermida, quen considera  que “aínda que a gran maioría de persoas propietarias de cans cumpren coas súas obrigas á hora, por exemplo, de recoller os excrementos, é certo que outros seguen sen facelo, co prexuízo que iso supón”.
O edil explicou que durante estes anos non se impuxeron sancións por parte da Policía Local, que só lles advertiu ás persoas propietarias de mascotas, mais “tras esta nova campaña, actuarase en consecuencia se se incumpren as normativas”. Andrés Hermida indicou, coincidindo co primeiro día da campaña, que “existen queixas veciñais nalgunhas zonas, nas que imos facer maior fincapé”. Ademais de instalar carteis nestes lugares, realizarase unha repartición de folletos a distintas horas do día por parte de Protección Civil e tamén se dispensarán en establecementos relacionados co coidado de mascotas como clínicas veterinarias ou tendas de venda de alimentos para animais.
O folleto, coa imaxe debuxada e silueteada dun can por unha banda, recolle na súa parte traseira as obrigas das persoas propietarias de mascotas canto á limpeza de excrementos; pasear sempre con correa e, se é necesario, levar buceira; coidar a hixiene do animal e a súa saúde; non xogar co animal en lugares nos que non pode estar; porlle microchip e estar rexistrado, se é o caso, como raza potencialmente perigosa, tendo os papeis en regra.
As infraccións por incumprir a lei en vigor van de 100 a 500 euros, unha cantidade que podería incrementarse en función de que a reiteración coa que se incumpra a normativa.