Betanzos solicita que o torque localizado a pasada fin de semana na comarca se deposite no Museo das Mariñas

355

O goberno local solicitaralle formalmente á Xunta que o torque localizado por un veciño da comarca de Betanzos a pasada fin de semana e que foi entregado a Patrimonio Cultural da Xunta para o seu estudo se deposite no Museo das Mariñas.

 

 

A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello se interesará pola peza para que unha vez que finalicen os estudos perceptivos que ten que realizar a Xunta o “torque se deposite no Museo de As Mariñas e forme parte da sala na que xa se expoñen outras pezas similares”.

A primeira edil explicou que o museo, que este ano cumpriu 40 anos, conta con todas as medidas de seguridade para expor esta peza. Ademais de que a peza fose localizada na comarca de Betanzos, a primeira edil lembrou, para reforzar a súa petición á Xunta, a colaboración que desde hai anos existe entre o propio museo e Patrimonio para a cesión de pezas por parte do Concello  para exposicións da Xunta e nesa liña “agardamos que agora, cando finalicen os estudos técnicos, tomen a decisión de depositar o torque no noso museo, máis sendo insistiu unha peza localizada na comarca”.