Betanzos solicita que os dous torques localizados na comarca sexan depositados no Museo das Mariñas

139
Torques depositados no museo de As Mariñas

O goberno local agarda que a Xunta atenda a súa petición e que tanto o torque localizado no mes de maio como o feito público esta pasado fin de semana, atopado na mesma parcela, sexan depositados no Museo de As Mariñas.

Ao facerse público o primeiro achado, o Concello solicitou oficialmente a cesión do torque para a súa exposición no museo brigantino, unha vez que finalizasen os estudos perceptivos que tiña que realizar a Xunta. O Concello descoñece nestes momentos o punto no que se atopan os estudos nin se finalmente Patrimonio Cultural atenderá ou non a petición. No entanto, volverá pedir o seu depósito no Museo xunto ao segundo, localizado en días pasados.

A alcaldesa, María Barral, explicou que o Museo, que este ano cumpriu 40 anos, conta cunha sala, provista de medidas de seguridade, na que xa se expoñen outras pezas similares que foron localizadas na comarca  polo que sería o lugar idóneo para a súa exposición.

Ademais lembrou a colaboración que desde hai anos existe entre o propio Museo e Patrimonio para a cesión de pezas por parte do Concello  para exposicións da Xunta e nesa liña “agardamos que agora, cando finalicen os estudos técnicos, tomen a decisión de depositar os torques no noso museo”.