Betanzos xestionará 700.000 euros para axudas de rehabilitación no centro histórico, A Magdalena e A nosa Señora , menos da metade do solicitado tras o recorte da Xunta

183
Rúa Pinche no casco histórico de betanzos

Betanzos aprobou no pleno do pasado martes 31 de xaneiro, a declaración do centro histórico e a súa zona de protección así como o barrio de Nosa Señora e A Magdalena como Contorna Residencial de Rehabilitación.

A través deste programa o Concello recibirá 700.000 euros de fondos do plan europeos para axudas a propietarios de vivendas para mellorar os seus inmobles, fondos que proveñen do Goberno Central e aos que a Xunta “non achega nin un só euro”.

A pesar diso, o goberno local lamentou o recorte “en case un 54% da partida á que aspiraba o Concello de Betanzos, recorte que realizou de forma unilateral a Xunta de Galicia como órgano xestor destes fondos que concede o Goberno de España dentro do seu Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida.

O Concello presentou en setembro de 2022 unha solicitude para participar no Plan de Barrios promovido polo Goberno de España dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

Na proposta remitida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, como xestor desas axudas provenientes que do Goberno Central, o goberno local solicitou 1,5 millóns de euros.

O obxectivo era incrementar as oportunidades aos propietarios de inmobles do centro histórico, A nosa Señora e A Magdalena para facer fronte ás melloras nas súas vivendas e colaborar así na revitalización da zona. Tratábase da achega máis alta á que Betanzos podería optar na súa historia para esta finalidade.

Con todo, a Xunta remitiu un requirimento en decembro no que, ademais de pedir máis documentación, recorta  as pretensións económicas para a rehabilitación de vivendas, “comunicando que a nosa solicitude de 1,5 millóns de euros, á que tiñamos dereito e todos os factores ao noso favor para obtela”, había que reducila a menos da metade, en concreto a 700.000 euros, un 54% menos. O goberno local admite que “non quedou máis remedio que aceptar este novo recorte económico da Xunta con Betanzos, como está a facer co outros programas do goberno galego”

Con todo, os “paus nas rodas da Xunta” non acabaron aí senón que continuaron. Hai apenas uns días, a pesar de que a Oficina de Rehabilitación consideraba que “a documentación estaba entregada e ben documentada”  chegou un novo requirimento do IGVS indicando que a declaración do centro histórico, A Magdalena e A nosa Señora como  Contorna Residencial de Rehabilitación Programada tiña que ser aprobada en Pleno.

É por iso, que o goberno local presentou a proposta en pleno co fin de que os propietarios destas zonas poidan optar a eses 700.000 euros en axudas para rehabilitación a pesar de que o obxectivo inicial, antes do recorte da Xunta, eran “1,5 millóns de euros”. Lamentou o concelleiro o que cualificou como “cambadelas” por parte da Xunta para que Betanzos puidésese beneficiar destas axudas “primeiro recortando as partidas e logo alongando os trámites administrativos, con comunicacións ao Concello que se foron dilatando no tempo”.