Betanzos xunto a outros nove Concellos promove un programa de fomento do emprego que incluirá  formación en oito ámbitos laborais

1024

O Concello ven de solicitar o PIE (Programa Integrado de Emprego) para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia. Este Programa consiste na inserción laboral de persoas desempregadas, a través de información, orientación e asesoramento, así como de accións formativas en campos específicos con demanda de emprego.

O número de desempregados que deben participar son 100, polo que o Concello de Betanzos buscou a colaboración de concellos da contorna que facilitasen por unha banda persoas desempregadas interesadas no programa, e tecido empresarial para levar a cabo as prácticas pertinentes ao longo do mesmo.

Así leváronse a cabo reunións cos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Coirós, Culleredo, Miño, Oza-Cesuras, Paderne e Sada, esteblecendo un convenio de colaboración con todos eles para a solicitude do programa de forma conxunta. Deste xeito, lógrase chegar a aproximadamente 100.000 habitantes, dos cales aproximadamente 4.000 se atopan en situación de desemprego, segúndo explicou a alcaldesa, María Barral.

A solicitude do PIE foi presentada á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que disporá agora  de dous meses para resolver as solicitudes. A cuantía da subvención ascendería a 220.000€, e o programa tería unha duración de 12 meses.

Unha vez escoitadas as demandas dos concellos participantes, da man de todos eles, considérase oportuno establecer os seguintes ámbitos laborais, sen perxuízo de optar por algún outro chegado o momento:

  1. Hostalaría e turismo
  2. Actividades físicas e deportivas
  3. Comercio e márketing.
  4. Industrias alimentarias
  5. Agraria
  6. Trasporte e loxística.
  7. Seguridade e medio ambente.
  8. Informática e comunicacións.

O Concelleiro de Formación e Emprego,  Ricardo Cheda, explicou que a información achegada polos concellos colaboradores foi de vital importancia, porque eles saben de primeira man cales son as necesidades laborais de cada concello, para chegar ao punto de pechar os ámbitos laborais.

Tralas reunións mantidas, houbo concellos que se viron limitados á hora de ofrecer persoas desempregadas pola altísima empregabilidade deles, pero si que aportan tecido empresarial que necesita traballadores/as e non atopa nese concello.

Cada Concello colaborador é imprescindible para unha futura posta en marcha do proxecto, porque todos teñen recursos que ofrecer: ou ben persoas desempregadas, ou ben empresas que demandan emprego, ou ben recursos materiais e instalacións para poder realizar prácticas neles.