Comunicado do goberno local en relación á feira do 1 de xullo

1071

Ante a situación xerada o pasado 1 de xullo por parte dos vendedores ambulantes de téxtil e o seu rexeitamento ás medidas establecidas polo Concello na organización da mesma e a súa decisión de abandonar o recinto, o goberno local desexa:

-Lamentar a decisión dos vendedores ambulantes, unha decisión tomada o mesmo día de celebración da feira a pesar de que eran coñecedores das recolocacións de postos xa que a concellería de Comercio mantivo durante estas últimas semanas ata tres reunións para acordar os cambios e adaptalos á normativa de seguridade como consecuencia da  Covid 19

-Nesas reunións informouse os representantes dos vendedores de que o Concello quería facilitar ao máximo o desenvolvemento da feira. Por iso, ampliou a superficie da mesma pola avenida de Castela e o centro histórico, evitando así que  as limitacións de aforo non lle afectasen aos vendedores e desta forma non houbese que  reducir o número de postos.

-Evitouse levar a feira a outras localizacións para mantela na praza García Irmáns, xa que se consideraba prexudicial para os vendedores facer ese traslado a outras zonas da cidade con maior superficie que a propia praza.

-Partindo desta base, reorganizáronse os postos, agrupándoos, para deixar corredores o suficientemente anchos para que se puidese transitar mantendo as medidas de seguridade en ambos os sentidos. Os postos quedarían unidos, uns a outros, tendo a obrigación colocar un plástico polo medio de separación.

-Esta disposición variou, evidentemente, a localización dos postos na praza. Pero esta variación débese exclusivamente ao plan de seguridade establecido polo Concello non só para garantir a seguridade dos vendedores senón tamén aos visitantes con catro entradas ao recinto e outras tantas saídas e corredores anchos que garantan a seguridade entre as persoas, obrigando a acceder á feira con máscara e as mans  desinfectadas.

-O goberno local lamenta que esta recolocación non sexa do agrado dos  vendedores, a pesar de que contaba co visto e prace dos seus representantes, ao  levar aparellada que os postos teñan que moverse uns metros e non poidan manter a posición que desde hai anos ocupaban. Considera que o feito de manter a feira na propia praza reduce os posibles efectos negativos que estes cambios poidan supoñer para os vendedores.

-O goberno local pretende colaborar ao máximo cos vendedores, como vén facendo desde hai anos. De feito é un dos colectivos aos que se vai a favorecer desde o Concello coa supresión de taxas pola afectación do estado de alarma. Con todo, en ningún caso vai aceptar presións para cambiar o seu plan de desenvolvemento da feira no que prima, por encima de todo, a seguridade das persoas.

-O feito de que os vendedores protesten por non manter a mesma localización de sempre ou por non aceptar a organización consensuada, por outra banda, cos seus representantes, xa que é inviable facelo con cada vendedor, non vai facer cambiar a postura do Concello que, de todos os xeitos, mantense aberto a manter conversacións co colectivo para, partindo do plan xeral establecido para a celebración da feira, poder facer algunha variación de forma puntual.