O Concello e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas executaron, dentro do Plan de Sustentabilidade Turística dotado de fondos Next Generation, unha das accións previstas en Betanzos.
Estaba centrada no estudio dos residuos localizados na ría, procedentes de barcos abandonados, e na retirada dun destes como iniciativa piloto.
O proxecto presentado pola Reserva e os concellos que forman parte dela incluíu a retirada dos restos desta embarcación e o seu traslado a Betanzos, en concreto ás instalacóns municipais de Bellavista para, a partir deste momento, elaborar a documentación correspondente para a tramitación de residuos por organismos xestores autorizados e estudiar a viabilidade da súa recuperación.
A alcaldesa, María Barral, explicou que no caso de ser viable esta recuperación, o Concello impulsará, nunha seguinte fase e con outras administracións, a restauración da embarcación para a converter nun futuro nun “barco pantasma”, como xogo infantil con información para sensibilizar dun xeito lúdico a sociedade, e especialmente a xuventude, sobre a problemática de abandonar antigos barcos na ría.
Para iso, o Concello buscará a colaboración e implicación doutras administracións nun proxecto que considera “de suma importancia para concienciar a poboación sobre a riqueza do noso entorno natural e o dano que produce neste o feito de abandonar este tipo de embarcacións, en especial, na ría e no río Mandeo, con elementos contaminantes como motores, aceites etc.”. A idea, segundo indicou a primeira edil, é procurar esa colaboración entre administracións para financiar a recuperación do barco se tecnicamente é viable e que nun futuro se instale nunha zona próxima ao río Mandeo para que teña “esa nova función de ‘barco pantasma’ como xogo”.
A localización da embarcación foi posible a raíz do estudio realizado pola Reserva da Biosfera na ría de Betanzos, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, onde se identificaron 46 residuos, especialmente de embarcacións en ruína. Despois dese estudio, seleccionouse un deles, que previsiblemente estaba en mellores condicións, para levar a cabo un primeiro proxecto piloto e reconvertelo en “barco pantasma” como xogo infantil tematizado.
O barco abandonado ten 6,5 metros de eslora e 2 metros de manga. Estaba ubicado baixo o viaducto da autopista AP-9. Para retiralo, requiriuse un equipo de mergullo, globos de elevación, unha embarcación de remolque e un camión con guindastre. Ademais, seguíronse todas as medidas precisas para evitar afeccións ao ecosistema mariño e non remover os lodos do fondo.
O presidente da Reserva da Biosfera, José Antonio Santiso, volveu facer fincapé na importancia da actuación para poñer en valor o litoral, e en concreto na ría de Betanzos, que xoga un papel chave “no ecoturismo e o desenvolvemento económico do territorio”.
Santiso sinala que o obxectivo deste proxecto piloto é que “sirva de exemplo” para conferir “unha segunda vida a un refugallo” e que poida marcar o camiño para actuar no futuro. É necesario mellorar o estado medioambiental de espazos degradados na ría, abordar a problemática do abandono de residuos (antigos barcos) neste espazo natural protexido, así como sensibilizar a sociedade sobre esta problemática, para mellorar o estado natural dun espazo que debe ser no futuro un recurso “estrela” do ecoturismo náutico no territorio.











