Bicos con lingua de Talía Teatro en función para escolares

1017

“Bicos con lingua”, unha das representacións teatrais máis aclamadas de Talía Teatro, chegou este xoves 10 de maio ás 12:00 h da mañá á Aula Municipal de Cultura nunha función para máis de douscentos alumnos e alumnas de ESO dos e IES As Mariñas e IES Francisco Aguiar.

A proposta encadrouse dentro do programa das Letras Galegas do Concello de Betanzos e pretende achegarlle aos máis novos e novas este espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás convida a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. Esta actividade programouse por primeira vez para escolares froito dunha proposta dos propios centros como actividade de interese para traballar contidos sociolingüísticos co alumnado de secundaria.

A comedia, dirixida por Avelino González, e que conta cos actores Toño Casais e Artur Trillo, nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de vitimismo, nada máis lonxe da súa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, preténdese que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescubrimento dunha lingua que existe e que medra na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos e abusos aos que está sometida decotío.

Cartel da representación teatral