Medidas para evitar as concentracións durante Os Caneiros

1393

O Concello, a subdelegación do Goberno, a Policía Local, a Garda Civil e a Protección Civil realizaron unha primeira reunión de traballo para analizar diversos aspectos de cara ao próximo mes de agosto, tendo en conta que o goberno local anunciou a suspensión das festas e, por extensión, do lanzamento do globo e as xiras aos Caneiros.

Precisamente, foi isto último o que centrou boa parte da reunión.

Primeira reunión de traballo para analizar diversos aspectos de cara ao próximo mes de agosto no salón azul do edificio Liceo

A suspensión das xiras por parte do Concello levará ao peche do campo e que tampouco se poña en marcha o dispositivo de seguridade nin no río nin en terra e, por tanto, non haxa presenza de sanitarios nin de Protección Civil nin Cruz Vermella.

A decisión o Concello, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, durante a Xunta de Seguridade tómase por “razóns de seguridade pola Covid-19 e a imposibilidade de realizar eventos que xeren aglomeracións ou concentracións de persoas. É unha decisión difícil, pero coidamos que responsable porque a seguridade das persoas está por encima de calquera outra cuestión”.

Tendo en conta o carácter das xiras e a participación que se produce nestas que transcende máis aló do local, sobre todo a primeira do día 18, concentrando habitualmente a persoas de fóra do municipio e mesmo doutras provincias, unido a que se trata dunha propiedade municipal situada noutro Concello, neste caso Coirós, será a Garda Civil a que manterá dispositivos especiais para restrinxir os accesos cara ao campo dos Caneiros a pesar da non celebración das romarías.

Haberá vixilancia, por tanto, da Garda Civil no campo dos Caneiros, para evitar o acceso ao campo, que o Concello manterá pechado. A Benemérita tamén será estrita á hora de esixir o cumprimento das medidas de seguridade, é dicir, distancia social e uso de máscara a aquelas persoas que, a pesar de todo, se decidan trasladar aos Caneiros, tanto ás que o fagan en embarcacións como a pé. Tamén se vixiará que as embarcacións que ese día naveguen polo río cumpran coas normativas de capacidade, xa que a navegación seguirá estando permitida.

O Concello confía na responsabilidade da xente “que é consciente tamén, por todo o que está a pasar, que este tipo de eventos é imposible celebralos”. Por responsabilidade e porque o máis importante é a saúde.