O goberno local homenaxeará ás persoas que loitaron en primeira liña contra a Covid-19 nun lugar singular da cidade

682

O goberno local de Betanzos renderalle homenaxe ás persoas que deron a batalla en primeira liña ante a crise sanitaria provocada pola Covid-19 tanto no estado de alarma como nas fases da desescalada. Aínda está a se estudar a forma particular para vertebrar esta lembranza, aínda que o máis probable é que sexa “a modo de escultura nun lugar singular da nosa cidade”, achegan desde o equipo de goberno.

Para que isto sexa unha realidade, propúxose á Comisión de Nomenclátor esta posibilidade, para que o labor de sanitarios, as forzas e os corpos de seguridade, as persoas voluntarias, traballadoras e traballadores do sector primario, o transporte, a prensa e demais sexa recoñecida tamén a modo de símbolo que perdure no tempo. “A implicación que tivo este colectivo a todos os niveis no Estado español foi enorme e da mesma magnitude  na nosa cidade”, sinala a alcaldesa, María Barral, quen recoñece que “temos que dar un paso máis para outorgarlles o recoñecemento que se merecen en Betanzos”.

Á Comisión de Nomenclátor non acudiron nin o Partido Popular de Betanzos nin o Bloque Nacionalista Galego, aínda que este último partido remitiu as súas propostas ao Concello.

Na mesma Comisión, o goberno local solicitou as propostas tamén para os próximos Premios Garelos 2020, o maior recoñecemento que pode outorgarse en Betanzos e que poden ser de carácter individual ou colectivo, en distintos sectores. Concretamente Deportes, Industria e Comercio e Cultura. Farase entrega destes o 14 de agosto e o goberno local xa achegou varios nomes para esta designación e só obtivo resposta por parte do BNG de Betanzos.