Melloras en xogos infantís, en instalacións deportivas, e a creación dun carril bici ou un cinefórum entre as propostas aprobadas no pleno infantil. Galería de imaxes.

327
PLENO INFANTIL 13-decembro-2024

Betanzos celebrou o pasado venres 13, o seu Pleno Infantil, unha actividade organizada pola Concellería de Educación, e os colexios Vales Villamarín e Atocha para conmemorar o Día da Constitución.

Participaron 17 alumnos, de sexto curso de Educación Primaria,  tantos como concelleiros compoñen a Corporación Local betanceira. Catro eran do colexio de Atocha, e outros 13 do colexio Vales Villamarín. Ademais do alcalde, Carlos Dans Pena, do colexio Vales Villamarín, o resto da Corporación Infantil estaba formada por Pelayo  Carro Ascariz; Carlota Picado Cagiao; Celia Álvarez García; e Paula Rodríguez Reborido do colexio Atocha; e  Arón Fernández Veiga; Xénese Malca Rodríguez; Martina Penedo Feijoo; Martiño Barros Gens; Branca Losada Serrano; Andrea Porto Pérez; Leticia Couceiro Formoso; Silvia Silvar Caamaño; Iria Suárez Rey; Eric Garea Sánchez; Icía Feijoo Benasach e Sara Medín González do colexio Vales Villamarín.

A alcaldesa, María Barral Varela, recibiu aos alumnos participantes no salón de Plenos  para logo celebrar na aula de Cultura o Pleno infantil.

Todas as mocións presentadas pola corporación infantil foron aprobadas e agora serán trasladadas, segundo a alcaldesa, María Barral, ao resto da Corporación Local.

Entre as propostas, a nova corporación presentou mocións sobre bicicletas eléctricas; creación de carril bici; un cinefórum; xogos infantís con tirolesas; persoal de apoio para o colexio; menú especial para o comedor do colexio; melloras en instalacións deportivas e as do colexio Vales Villamarín en particular; e, entre outras, a posta en marcha dun sistema de información xuvenil a través dalgunha app.