O adestrador do Deportivo, Óscar Gilsanz, foi o encargado de acender, a iluminación do Nadal de Betanzos. Galería de imaxes.

382
A alcaldesa María Barral xunto ao betanceiro Óscar Gilsanz, encargado de acender a iluminación de Nadal.

O Concello de Betanzos contou cun convidado de excepción para dar inicio ás festas do Nadal. O betanceiro Óscar Gilsanz, recentemente nomeado adestrador do Real Club Deportivo da Coruña, foi o encargado de acender a iluminación nun acto programado para hoxe xoves, as 19:00 horas, na praza do Irmáns García Naveira.

Neste evento estivo acompañado pola alcaldesa, María Barral, quen expresou o seu agradecemento ao técnico por aceptar “o noso convite para unha xornada tan simbólica”. Ademais, as persoas asistentes gozarán de música en vivo por conta de Musicalmente, e os nenos e nenas de Betanzos, desde educación infantil ata sexto de primaria, serán convidados a un chocolate.

Este ano, Betanzos lucirá unha decoración do Nadal de gran envergadura, cun total de 11.173,60 m² de iluminación, que inclúe 132 arcos luminosos e 447 elementos decorativos con motivos do Nadal. En total, instalaranse 591.991 micro LEDs, apostando por unha tecnoloxía de baixo consumo que reforza o compromiso do municipio coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Ademais, o Concello ampliou a iluminación a diversas rúas da zona nova e do centro histórico, e adornáronse todas as parroquias do municipio.

Haberá dúas zonas principais de atracción: na praza da Constitución instalarase unha casa do Nadal accesible para todos os públicos e unha randeeira fronte ao palco da música. Pola súa banda, a praza dos Irmáns García Naveira contará cunha elegante carroza de cabalos que complementará a decoración festiva.

A alcaldesa, María Barral, convida tanto á veciñanza como aos e ás visitantes a “achegarse tanto o día 5 como durante as festas de Nadal para empaparse do espírito do Nadal”. Así mesmo, destacou que “é un orgullo contar cun betanceiro como Óscar Gilsanz para o acendido da nosa iluminación. Queremos recoñecer ou seu máis que merecido nomeamento como adestrador do primeiro equipo do Deportivo, especialmente despois de demostrar o seu tesón e perseveranza tras pasar polas categorías inferiores”.