O CEIS As Mariñas xa ten elaborado o resumo executivo do ano 2024, no que se realiza un compendio de todas as accións estratéxicas postas en marcha.
Cabe dicir que se avanzou grandemente no achegamento do CEIS aos concellos, realizándose presentacións do Comité ata en 6 das entidades locais do territorio consorcio. Ademais, as reunións de traballo ordinarias mantivéronse de maneira rotativa nos distintos concellos, como fórmula para gañar presenza e visibilidade entre os equipos profesionais.
A renovación de compoñentes do CEIS foi outra das cuestións chave durante 2024, chegando na actualidade a formar parte do Comité un total de 24 persoas, que coas súas distintas orientacións profesionais fan do CEIS un espazo diverso e multidisciplinar.
Como forma de espallar a cultura ética máis alá dos servizos sociais comunitarios, o CEIS estivo presente en dúas citas de especial interese ao longo do ano, no XVI Congreso Nacional de Bioética, celebrado en Murcia, e na Escola Universitaria de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela, coa firme convicción de poder replicar ambas xuntanzas en próximas anualidades.
Durante o 2024 a gran aposta do CEIS foi a da formación. Así, co apoio e financiamento do Consorcio de As Mariñas, e o bo facer da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, conseguiuse desenvolver o Curso de ética básica, dirixido especialmente ao persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Esta formación está tendo continuidade neste ano 2025, co Curso de ética avanzada, cunha ollada moi enfocada ao adestramento do método deliberativo, metodoloxía que serve de soporte á ética dentro da intervención social.
O CEIS afronta o seu futuro con grandes retos, pero tamén con determinación e optimismo para continuar traballando na avaliación de procesos, na elaboración de recomendacións éticas, na visibilidade do Comité dentro da comunidade, etc. coa responsabilidade de difundir a ética nun mundo cada vez máis complexo.
En palabras de Diego Gracia, “non hai problemas simples, nin solucións fáciles”.
Para máis infomación prema aquí










