O Concello aprobará esta semana a ordenanza que regulará o tráfico no casco histórico, para potenciar o seu uso peonil

759

O goberno local presentou onte na Comisión de Mobilidade a ordenanza municipal que vai rexer o tráfico no casco histórico, unha normativa que será aprobada esta semana para logo, antes de poñela en práctica, sometela a información pública durante un mes para o seu período de alegacións.

A ordenanza ten como obxectivo reordenar o tráfico no casco histórico da cidade e está baseada na proposta presentada hai tempo ás asociacións de comerciantes. Con este regulamento, o Concello pretende poñer en marcha unha serie de medidas para dar preferencia ao uso peonil nas rúas do casco histórico, restrinxir o tráfico, evitar aparcamentos indebidos en prazas ou rúas,  e controlar que nalgunhas zonas os vehículos non circulen a velocidades inadecuadas, que excedan amplamente os límites de velocidade. A regulación farase a través de 12 cámaras para controlar os accesos á zona, como se realiza noutras moitas cidades con cascos históricos.

Poderán acceder todas as persoas residentes, xa que o Concello elaborará unha listaxe de vehículos autorizados a partir do padrón municipal e dos datos que obren no seu poder, que incluirá os datos dos vehículos rexistrados polas persoas empadroadas, dos vehículos municipais, de emerxencias etc. O acceso será sen límite de tempo, como ata o de agora. Tamén poderán acceder os usuarios e as usuarias de garaxes; persoas con discapacidade que teñan recoñecida unha mobilidade reducida, teñan ou non a consideración de residentes, así como as persoas físicas autorizadas para o seu traslado; servizos públicos de emerxencia e servizos  municipais, taxis e VTC; empresas que estean a desenvolver traballos en zonas peonís; e os vehículos de carga e descarga de mercadorías, para os que se establece un horario de 07:00 a 11:00 horas.

Para o  resto de persoas, tendo en conta as características do casco histórico e os servizos que ten, o Concello estableceu finalmente un tempo limitado de trinta minutos para facilitar xestións. Este tempo controlarase a través do sistema de cámaras onde quedará rexistrada a hora de entrada e saída.

O plan de tráfico establece, como xa adiantara o goberno local, unha zona na que a circulación quedará restrinxida só a residentes. Será en Prateiros, para acceder ás rúas Venela Clérigos, Cristo, Pinche, Pastelería, Pastel e Sombrereiros, Cerca e Santa María.  Desta forma, vehículos que agora mesmo circulan pola rúa Prateiros a modo de “atallo” para os seus desprazamentos pola cidade non poderán facelo, e exporanse a seren sancionados cada vez que utilicen a saída polo arco da Ponte Vella, ao non estaren autorizados para iso e ao desobedeceren os sinais de prohibición. Entre as zonas controladas estarán tamén a praza García Naveira e a praza de Galicia (parada de taxis frente ao Liceo).

No caso de superaren a media hora de tempo limitado, as persoas titulares dos vehículos terán 48 horas para xustificaren ante a Policía Local, por vía presencial ou telemática, as incidencias e os motivos polos que se vulneraron as limitacións da circulación antes de proceder á súa sanción. O Concello establecerá un período de proba de tres meses, unha vez que se aprobe  a ordenanza, e comunicará as infraccións de xeito informativo ata a entrada en vigor definitiva.

A ordenanza tamén establece que os vehículos deberán circular á velocidade dos peóns e en todo caso non poderán exceder os 20 km/h. Sinala tamén que os peóns terán sempre prioridade fronte aos vehículos de calquera categoría, a excepción dos de servizos de emerxencias. Ademais, os vehículos non poderán estacionar en ningunha das vías salvo nas que existan espazos expresamente habilitados para iso.

A alcaldesa, María Barral, destacou a importancia desta nova regulación do tráfico e indicou que se trata dunha medida que “sitúa as persoas no centro da ordenación do espazo público, xa que prioriza a vida nas rúas fronte ao tráfico rodado, pon en valor a rúa como espazo de convivencia e mellora a seguridade e a calidade de vida”.

Segundo indicou, esta iniciativa será, a medio prazo, “positiva tanto para as persoas residentes como para o comercio local, os establecementos de hostelaría e para o conxunto da veciñanza, tal e como xa se demostrou noutros cascos históricos nos que se implantaron medidas similares”.

Por outra parte, destacou que a ordenanza recolle o que no seu momento trasladaron ao Concello entidades e veciñanza e que considera que “o tempo máximo de 30 minutos para realizar xestións é  suficiente,  tendo en conta os espazos de estacionamento existentes na contorna do casco histórico, así como a dispoñibilidade dun aparcamento subterráneo a escasa distancia no que o Concello ofrece 20 minutos de gratuidade”.

María Barral puxo en valor que esta ordenanza “busca un equilibrio entre a actividade económica, as necesidades da veciñanza e a protección dun espazo emblemático, e avanzarmos cara a un modelo de mobilidade máis sostible, amable e acorde coas cidades históricas actuais”.