Tras días de vixilancia polas intensas choivas e polo aumento do caudal dos ríos Mendo e Mandeo, na noito do pasado 4 de febreiro, os dous ríos desbordáronse ao concidiren a subida da marea e a choiva, sobre as 5.30 horas. Aínda que o nivel de marea non era grande en comparación con outros episodios anteriores (nos que chegou a alcanzar os 3,22 metros), si o era o caudal de auga dos ríos, tras días de precipitacións.
Desde Protección Civil mantívose, e manterase ao longo da semana, un dispositivo de vixilancia e alerta, con sinalización de zonas inundables, especialmente na contorna da Ribeira, onde a auga chegou á estrada. O funcionamento dos bombeos minimizou os problemas na calzada á que, con todo, chegou a auga do río, aínda que en niveis que non afectaron á circulación de vehículos.
Pasou o mesmo no Paseo da Tolerancia, onde o nivel do Mandeo superou o bordo do paseo e asolagou a zona peonil; e no porto, onde a auga chegou á zona comercial. O Mendo tamén se desbordou na zona do Carregal e na zona comercial do Pasatempo, o que afectou a varios viais. Tamén se viu prexudicado o parque Pablo Iglesias.
O Concello manterá os dispositivos de vixilancia para evitar estacionamentos en zonas inundables e seguirá as alertas do 112. Por outra parte, volverá trasladar a Portos de Galicia as incidencias que se produciron esta mañá na zona e instará a entidade a que valore a proposta realizada desde o goberno local para que leven a cabo actuacións que minimicen os problemas que padecen os establecementos comerciais desta zona da cidade.
“Sabemos, porque o estamos vendo non só en Betanzos senón noutras moitas localidades de Galicia, que o caudal dos ríos e as intensas choivas provocan desbordamentos que son difíciles de evitar, pero si temos que poñer os medios para tentar minimizalos. Fixémolo cos bombeos da Ribeira, e cremos que ese é o camiño na zona portuaria e no que terá que traballar Portos de Galicia e Augas de Galicia. Nós colaboraremos, pero eles teñen que darnos as solucións”, explicou a alcaldesa, María Barral.










