O Concello asumirá todas as actuacións necesarias para garantir o servizo de comedor no Vales Villamarín a máis de 400 alumnos

656

O  Concello garante o servizo de comedor escolar e madrugadores  para o próximo curso escolar no Vales Villamarín. Iso si, desenvolverase cun protocolo “específico” para estas instalacións que foi elaborado polo persoal técnico municipal en coordinación coa dirección do centro escolar. O servizo poñerase en marcha o día 14.

Por primeira vez, para dar servizo aos 288 alumnos de Primaria deste colexio que solicitaron praza neste servizo, no horario do mediodía habilitaranse dúas quendas, de 14.00 a 14.45 horas de primeiro a terceiro curso de primaria; e de 15.00 a 15.45 horas para os de cuarto, quinto e sexto. Con estas dúas quendas, poderase desenvolver o servizo mantendo as medidas de seguridade ás que obriga a Covid-19, especialmente en canto a distancia persoal do alumnado.

O goberno local explicou que o establecer dúas quendas é a única alternativa para admitir a todo o alumnado que solicitou praza no servizo municipal de comedor escolar. “Aínda habilitando, ademais do espazo destinado a comedor, todo o salón de actos do colexio, a distancia que hai que manter entre alumnos fai que haxa que ocupar toda esta zona do centro escolar”, indicaron.

En canto aos horarios fixados para as dúas quendas responden a que o horario escolar fixa a finalización das clases lectivas ás 14.00 horas co cal “non había posibilidade de adiantar o horario de comedor “. O que si se fará é que os alumnos que coman no colexio de primeiro, segundo e terceiro terán prioridade na saídas da aula para que conclúan as clases un pouco antes e así poder empezar a comer ás 14.00 horas.

A implantación das  dúas quendas conlevará tamén a que por parte do  Concello establézase un servizo de atención aos escolares. Así, mentres  come o primeiro grupo, o alumnado de cuarto, quinto e sexto esperará nunha zona cuberta das instalacións, en grupos reducidos e supervisados por monitores.

O alumnado desa primeira  quenda (primeiro, segundo e terceiro curso) terá que saír ás 14,45 h. agás que por necesidades de conciliación familiar debidamente xustificadas, teñan que  permanecer no colexio ata as 16 h . Neste caso, estarán noutras dependencias escolares, sempre baixo a supervisión de monitores.

Entre quenda e quenda, realizarase a desinfección  tanto  do comedor como dos demais espazos  que se utilizarán, o que implica dispoñer de intervalos de tempo nos que estean totalmente  vacios e por tanto, de máis espazos de tránsito.

O  Concello explicou que asumirá o custo non só dos monitores e da limpeza, senón tamén da adaptación necesaria  destas instalacións, co  único obxectivo de que “os nosos veciños e veciñas dispoñan dun servizo imprescindible para poder conciliar a súa vida familiar e laboral e este, conte con todas as medidas necesarias  que garantan a súa seguridade”. Lamentou, iso si, que “como xa trasladou hai uns días a Alcaldesa,  o Concello non reciba ningunha achega da Xunta, que é quen debería de asumir  todos estes gastos”.

Debido a esta nova organización do servizo, para o  Concello é imprescindible  “coñecer con exactitude o número de nenos e nenas que o utilizarán” polo que  persoal técnico municipal contactará telefonicamente de forma individual, coas persoas solicitantes para aclarar estas novas  condicións do servizo de comedor e confirmar o número de alumnado asistente, xa que as limitacións de aforo nas reunións, impide facer unha convocatoria tan numerosa. Posteriormente comunicarase a nova organización nun escrito informativo.

No aulario de Infantil non será necesario establecer quendas no servizo, xa que a amplitude das instalacións permite atender simultaneamente aos 138 alumnos/ as rexistrados/ as con todas as medidas de seguridade establecidas.